Ars Electronica, o museo do futuro

Ars Electronica en LInz, Austria

Imaxinas crear un robot coa túa cara, construír unha cidade a partir da túa pegada dactilar, deseñar e imprimir obxectos en 3D? Todo isto e moito máis é posible no Ars Electronica Center, o museo do futuro, que ten a súa sede en Linz, a capital da Alta Austria.

Este innovador centro expositivo, ubicado nun moderno edificio á beira do Danubio, ten por obxectivo reflexionar sobre a arte, a tecnoloxía e a sociedade. Cada ano convoca o Premio Ars Electronica, o máis importante en ciberarte, e conta ademais cun laboratorio de experimentación, o Futurelab, formado por un equipo multidisciplinar que investiga e desenvolve novos proxectos, moitos deles para o propio museo.

Entres as súas paredes poderás achegarte aos desenvolvementos tecnolóxicos que cambiarán as nosas vidas e a sociedade a través do xogo e a experimentación. Así, entre outras moitas actividades terás a oportunidade de sacar unha foto da túa retina (e mandala ao teu enderezo electrónico!), interactuar con flores robot inspiradas no origami que se abren cando achegas a túa man, ou falar con algún dos prototipos de androide que teñen expostos.

Ars Electronica en LInz, Austria

Nas súas diferentes seccións poderás reflexionar sobre o cerebro humano, a xenética e a robótica, e deseñar e producir os teus propios obxectos 3D. En GeoCity é posible interactuar con mapas, construír unha Pixel City e achegarse á estatística mundial dun novo xeito. E para rematar, nunha xigante pantalla de 16×9, e grazas a unhas gafas 3D, sentiraste no centro do universo.

O Ars Electronica Center forma parte da aposta da cidade de Linz pola cultura. De ser unha cidade industrial gris, a posta en marcha desta e outras iniciativas de dinamización levouna a ser nomeada Capital Europea da Cultura en 2009.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *