“Pouca xente en Europa dáse conta de que internet non son só cousas graciosas”

Que fai un vicepresidente sénior de Google nun evento tan literario como o Hay Festival? Iso foi o que deberon pensar os asistentes ás xornadas. Para escoitar a Bill Echikson, head of free expression de Google para EMEA (a rexión que comprende Europa, Oriente Próximo e África), non se encheu o auditorio de Caja Segovia. E sen embargo debería ter pasado iso: o auditorio debería ter estado cheo.

Google é unha empresa do sector de internet. Tecnoloxía. Pero no mundo no que estamos e sobre todo no mundo no que estaremos, internet e a tecnoloxía non deixan de ser un elemento transversal presente en practicamente todos os aspectos da vida. E sobre todo dos negocios. A liberdade no acceso á rede non é un tema baladí, por tanto. Nin tampouco é unha preocupación que quede ao outro lado do globo. A censura pode estar en calquera parte, deixou claro Echikson. “A xente bota de contas que é un problema de China, pero é tamén un problema de España, un problema de todos”, explicou. “A censura na rede vai a continuar”, alertou. “Internet converteuse nunha ferramenta para que a xente se organice”, tiña dito pouco antes.

Sobre Google, existía polo menos unha situación con claroscuros. Moitos se preguntaban como unha empresa co lema ‘non facer o mal’ podía pregarse ante o goberno chinés por non desaproveitar un mercado tan potente. Hai non moito tempo, Google protagonizou un tour de force co goberno chinés: farto de soportar as presións censora de China, levou os servidores a Hong Kong, deixou de respetar as peticións censoras do país asiático e clamou polo apoio do goberno estadounidense, sen éxito. O tour de force gañouno o negocio. E con el, China.

Sobre nada disto falou Echikson no seu relatorio, pero a pegada do que puido ser, do que foi e do que non foi podería seguirse por todo o que el dixo sobre transparencia, liberdade e censura na rede. Para empezar, defendeu que Google busca ser o máis transparente posible, publicando os seus informes sobre as peticións dos diferentes gobernos de censura. Estados Unidos é, por certo, o país que lles pediu o apagado de máis número de datos. A posición de Google é, de entrada, “a de deixar a información correr”, defendendo a liberdade de expresión con certos límites impostos pola moral e a lei. Por exemplo, Google censura a pornografía infantil.

Echikson non argumentou unicamente a liberdade da rede dende o punto de vista dos dereitos, da moral, e recordounos a todos os presentes que internet, como todo, é un negocio. No Reino Unido, o 8% do PIB do país xa ben dado pola industria da rede. A liberdade da mesma non é máis que, por tanto, un aspecto máis da cuadratura do negocio. “O acceso á información converteuse nun novo mercado”, apuntou e preguntouse porque os países non loitan de forma máis clara e efectiva para acabar cos límites que outros países lle poñen a este mercado. Se fosen saias de Zara o que China bloquea na fronteira, por exemplo, ninguén dubidaría antes de defender o dereito da marca a vender a súa roupa no país asiático.

E o responsable de liberdade de expresión de Google para, entre outras zonas, Europa tiroulle das orellas ao vello continente. Só os pequenos países europeos e os nórdicos apoian dunha maneira clara a liberdade da rede. “Pouca xente en Europa dáse conta de que internet non son só cousas graciosas”, lamentou. Tamén é, como deixou claro, traballo, empresas, cifras económicas. Poñéndolle as cousas difíciles a internet, “pos barreiras ao teu futuro económico”.

Por outra banda, as empresas tradicionais son as máis receosas ante o empuxe da rede. “Internet produce cambios e é un reto para as industrias tradicionais”, dixo, que teñen que renovarse ou morrer. “É importante mostrar que é algo positivo”. As ruínas de Pompeia, nada máis analóxico que elas, foron incluídas con imaxes nos servizos de Google. Dende entón as visitas medraron un 25%.

Piratería e censura da rede

E como poderían afectar as normas antipiratería á liberdade da rede? Unha das queixas do sector internet á Lei Sinde era xustamente que a norma era tan difusa en segundo que aspectos que páxinas lexítimas poderían ser pechadas por incorporar links a outras… Algo que, hai que lembrar, non é máis que un hipervínculo, a palabra máxica que comezou a rede tal e como a coñecemos.

Echikson concede que en certo grado si poden ser unha ameaza contra a liberdade de expresión na rede. “Google respeta o copyright”, deixou taxantemente claro. “A liberdade de expresión non significa que podas abusar del”.

Ante o que se está intentando facer (como por exemplo a normativa francesa Hadopi, de tres avisos, que o paso do tempo demostrou pouco efectiva), Echikson lanza a proposta de Google. Por que non unha ID para os contidos, que permita descubrir se son ou non piratas? Se o son, o buscador non tería máis que pórse en contacto co propietario dos dereitos e preguntarlle que quere facer ante a situación. Pode, por exemplo, facerse cunha parte dos ingresos que xeren estes contidos.

“A resposta non é cortar a rede”, explicou. “Hai que adaptala”.

Foto | manfrys 

*Todas as actualizacións sobre o Hay Festival, nesta etiqueta

 

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *