Quen non quere ter un iPad? É bonito, é útil, está tan de moda que ata chega a ser repelente. Pero non é o que se di nada barato. Como alternativa, acaba de chegar o Kindle Fire, o tablet co que Amazon se estrea nese mercado. Só lle falta o 3G e a cámara de fotos, pero o resto teno practicamente todo. E a só 199 dólares, a partir do 15 de novembro.
O Kindle Fire chega co seu propio e exclusivo navegador, o Amazon Silk, que bota man do cloud computing para facer moito máis rápida a navegación. O navegador non só está no dispositivo senón que tamén está nos servidores da Amazon Elastic Compute Cloud (o servizo de almacenamento na nube de Amazon) e, cando se lle pide que vaia a unha páxina, divide o traballo entre un e outro.
As páxinas, explican na nota de prensa que Amazon lle adica ao navegador, son cada vez máis complexas, o que engade microsegundos á carga das mesmas. Resultado: a navegación é máis lenta. Se se divide o traballo, pódese reducir ese tempo, que é o que fai Silk. Este non é o único beneficio cloud que terá o Kindle Fire: Amazon engádelle ao seu tablet almacenamento na nube gratuíto, algo que xa fan cos Kindle ereaders.
O tablet é, ademais, manexable: ten unha pantalla de sete polgadas e pódese soster cunha única man (si, sabemos que para algúns iso é simplemente algo pequeno). A pantalla está feita cun material fortalecido quimicamente e que é trinta veces máis duro que o plástico. Para dar a entender do que falan, no dossier de prensa Amazon colocou unha imaxe dun Fire maltratado, que alguén deixou de mala maneira nun bolso cunhas agresivas chaves. E á pantalla non lle pasa nada.
O Fire é, claro está, en cor. É un tablet, lembremos, non un ereader, polo que a tinta electrónica non ten aquí nada que dicir. Valerá para ler? O Fire ten acceso ao catálogo Kindle: máis dun millón de libros de prezos do máis variado, nos que se pode – en inglés, claro – ler practicamente de todo. Posiblemente sexa máis descansado para a vista ler nun Kindle tradicional, así que non pensemos neste Kindle como un killer dos Kindle anteriores.
O tablet ofrece, sen embargo, outras alternativas dignas de considerar. Por exemplo, pódense ler “centos de revistas e xornais” a toda cor. Dá un pouco igual que o The Wall Street Journal chegue cunha versión aséptica sen cores, pero renunciar á parte visual en revistas como The New Yorker, Wired ou Vanity Fair quítalles moito encanto. Pero non só de revistas vivirá o colorista Fire: o dispositivo terá en exclusiva acceso á versión dixital dun centenar de bandas deseñadas. E, por suposto, todos os arquivos audiovisuais que toquen.
Algún analista económico xa dixo que con este aparello tan molón Amazon ten que estar perdendo cartos: un dispositivo tan complexo ten que custar 50 dólares máis para ser rentable economicamente por si só. Pero Amazon, o que sabe facer moi ben, é crear dispositivos que empuxan a mercar. Cun Fire, moitos serán os cartos que o usuario deixará nos servizos da compañía.
Conseguirá o Amazon Fire tusirlle ao iPad? Algúns polo de pronto xa o apuntaron nas listas dos Reis Magos.
Fotos | Amazon