Máis alá do hygge: 10 outros segredos para a felicidade de arredor do mundo

Aos humanos encántanos buscar palabras exóticas noutras linguas —exóticas para nós—, dicir que son conceptos intraducibles e asumir que son o segredo da felicidade de distintas culturas. Vivimos todos o bum do hygge, aínda protagonizando artigos e libros, e despois a busca de conceptos similares e impronunciables noutras linguas e culturas. Xa vos falamos do lagom sueco e do pyt danés. Aquí van outros cantos palabros que a industria editorial e a do marketing teñen intentado situar como “o novo hygge“. Igual a felicidade era escribir palabras estranxeiras e intentar pronuncialas.

1. Cwtch

Esta palabra galesa aparentemente imposible significa ‘aperta’, pero non unha aperta calquera. Trátase dunha aperta especial, que fai que te sintas a salvo e ben, unha aperta que, din eles, só saben dar os galeses. Nos últimos anos, intentando seguir a moda do hygge, hai quen tentou crear unha tendencia de decoración chamada así, pero moito mellor recibir apertas de seres queridos que da nosa casa, non? Neste vídeo contan como se pronuncia e hai varias demostracións gráficas.

2. Kalsarikännit

Non todo é lugares acolledores ou  sentirse ben cos amigos ou conectar coa natureza. Os fineses (quen se non?) teñen a súa propia receita para a felicidade: kalsarikännit, emborracharse en roupa interior sen intención de saír á rúa. Non sabemos se é cool ou preocupante nun país no que o alcolismo é un problema, pero non deixa de ser divertido probalo un día. Os máis valientes podedes compartir unha foto en Instagram. É barato, accesible e algo que apetece facer cando chegas cansado dunha semana de traballo. Vídeo de pronunciación:

3. Umage

Este dá un pouco máis de preguiza, para que negalo. Umage é un concepto danés que significa algo así como esforzarse un pouco máis, facer un pequeno esforzo extra. A idea é aplicalo ás nosas casas: cambiar esa lámpada fundida, arranxar dunha vez a persiana, colgar ese cadro, tirar esas revistas. Moi relacionado cunha empresa de decoración danesa que decidiu cambiar de nome, poñerse Umage de marca, e ir por aí explicando que é o novo hygge. Non ten vídeo de pronunciación, pero si un hashtag en Instagram cheo de espazos perfectamente nórdicos.

4. Friluftsliv

A receita noruega para a felicidade é sinxela e non incita ao consumismo en forma de mesas de madeira clara e velas para decorar: friluftsliv é a vida ao aire libre, o único que temos que facer é saír da casa e ir a algún lugar no que poidamos estar en contacto coa natureza. Vén ademais apoiado pola ciencia, que di que ese contacto é bo tanto para a nosa saúde física como mental. Nesta charla TED (en inglés), explícano moi ben:

5. Shirin yoku

A versión xaponesa do friluftsliv son, literalmente, baños de bosque. Xa só o concepto, só dicilo e pensalo, ten un efecto relaxante. Todos queremos de súpeto atopar un bosque, adentrarnos nel e desconectar de todo respirando aire puro e escoitando o murmurio das follas.

6. Còsagach

Os esoceses teñen o seu propio hygge. Còsagach é unha palabra gaélica que, segundo Visit Scotland (isto é importante), significa ‘acolledor’, ‘resgardado’ ou ‘quentiño’. Pero esa definición e ese claro intento de copiar o efecto hygge deixou os falantes nativos de gaélico algo sorprendidos, xa que, para eles, còsagach está máis relacionado cun buraquiño na natureza onde viven animais pequenos. Acolledor para os insectos, si, pero cuberto de musgo e tirando a húmido tamén.

7. Sisu

Volvemos a Finlandia, pero non vos emocionedes, que sisu non é tan accesible como o de beber en roupa interior. Sisu ten máis que ver coa resiliencia e resistencia, con atopar forzas e enerxía que non sabiamos que tiñamos cando nos atopamos cunha adversidade. Adversidades das grandes, non nivel “recibín unha carta da Axencia Tributaria”. Máis tipo morte, enfermidade, golpes deses que si que fan que todo na nosa vida se cambalee.

8. Ikigai

Os xaponeses, famosos tanto pola súa lonxevidade como por morrer demasiado cedo por traballar de máis (teñen ata palabra para isto, karoshi), cren que o segredo para caer do lado bo da balanza é ter ikigai, unha razón pola que erguerse cada mañá. E esa razón non ten que ser o traballo, senón máis unha paixón, un gusto pola vida (se coincide co que nos dá cartos, pois xenial). Os habitantes de Okinawa, a illa esa na que cumprir os 100 anos é case normal, din que o ikigai é unha das razóns polas que viven tanto.

9. Niksen

Máis difícil do que parece, niksen é a arte holandesa de non facer nada. Pero nada de nada. Sentar, mirar o aire e deixar que a nosa mente divague (libre, non temos que observar eses pensamentos nin visualizalos como nubes que pasan por diante). E dirás: “que fácil, non?”. Pois en teoría si, pero na práctica o que chega á nosa mente son todas esas cousas que deberiamos estar facendo e quedar sentado, sen ser útil nin coller o móbil, é todo un reto.

https://www.instagram.com/p/B0JGTZnIu54/

10. Wabi sabi

Esta expresión xaponesa é para eles toda unha forma de ver o mundo. Difícil (ou imposible) de traducir e definir, vén sendo algo como apreciar a beleza do imperfecto, das marcas deixadas polo paso do tempo, da natureza, do sinxelo. Neste artigo intentan explicalo.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *