A languidez das palabras de moda destes últimos meses

Hai un par de semanas o New York Times publicou un artigo que se fixo viral porque nos daba iso que seica estabamos a necesitar: unha palabra para definir o que en teoría sentimos todos este 2021. E, por unha vez, a palabra é tan fácil de traducir (porque non é un palabro novo nin nada nórdico), que todos podemos usala e entendela. Di o diario americano que estamos languishing, é dicir, languidecendo. 

Segundo a RAG, languidecer é ‘perder pouco a pouco o vigor, as forzas e o ánimo’. Segundo o NY Times, «non era esgotamento: aínda tiñamos enerxía. Non era depresión: non nos sentiamos desesperados. Só nos sentiamos sen alegría e sen rumbo». E esta languidez, din, é a emoción de 2021. O que nos faltaba, vaia.

Non hai nada raro en que unha palabra ou concepto se poña de moda durante unhas semanas ou meses, pasa desde hai moito tempo. O novo neste último ano é o fondo desas palabras virais. Antes, eran palabras que falaban de felicidade: hygge, lagom,  e moitas máis. Agora falamos de doomscrolling, de vinganza de procrastinación nocturna, de fatiga pandémica, de languidez.

Por moito que diga o NY Times, a cousa soa mal, soa triste, soa depresiva. Non é difícil entender por que moita humanidade anda así: é o que ten a pandemia. E, se ben as campañas de vacinación avanzan a bo paso, tamén é certo que só o fan para a parte privilexiada do mundo, polo que é complicado alegrarse por completo con esa luz que xa vemos no fondo.

Por suposto, é inevitable pensar con nostalxia naqueles tempos prepandémicos nos que a nosa preocupación era como pronunciar hygge (houbo moitas buscas en Google e artigos que daban a resposta), pero igual isto non está tan mal. Non, non, non marchedes aínda. Claro que 2020 foi horrible e 2021 non está a ser todo o que nos prometeran. Pero estamos a poñerlle nome a como nos sentimos, a dicilo, a comentalo. Segue habendo xente con Instagrams demasiado perfectos, si, pero a conversa interesante, o engagement que din os do mundillo das redes, aparece cando alguén amosa tamén as sombras que en realidade tamén existían antes. E iso é bo, non? 

Temos máis ou menos un par de meses —segundo os meus cálculos— para languidecer sen medo e comprendidos polo mundo. Despois, co verán, xa chegarán ás redes as fotos de xente que está a pasalo demasiado ben e a languidez deixará de estar de moda. Aproveitade agora, que despois volverá a ditadura da felicidade cargada coa súa artillería máis pesada e igual temos que volver a aprender a pronunciar palabras suecas e pensar que podemos ser noruegos sen o seu sistema de benestar nin os seus soldos. (Pero eh, nós temos sol e sobremesas!).

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *