Focusmate: ser máis produtivo deixando que un descoñecido te mire pola webcam

Mentres escribo isto, nunha ventaniña nun recuncho da pantalla vexo a Mariam S., unha rapaza de Amán, Xordania, que mañá ten un exame e está a estudar. Acabamos de empezar unha sesión en Focusmate, unha plataforma que promete axudar os seus pobres usuarios a mellorar a súa produtividade. O seu gran descubrimento: ter un coworker virtual e poder velo (e que el ou ela poida verte a ti) mentres traballa fai que deixemos de perder o tempo e nos poñamos mans á obra.

Soa estraño e inquietante —deixar que un descoñecido te mire mentres traballas—, pero o certo é que a experiencia é moito máis natural do que pensamos nun primeiro momento. Segundo o meu perfil en Focusmate, que descubrín hai unhas semanas grazas a un artículo en The Guardian, levo 39 sesións completadas en catro semanas. Cada sesión son 50 minutos, así que son 1.950 minutos (32 horas) de traballo nos que sei que estiven concentrada e ao que hai que estar. (Só o usei algunhas tardes na casa, non pensedes que traballo 32 horas ao mes).

O funcionamento é sinxelo. Tras abrir unha conta e encher o teu perfil, chegas a un calendario semanal. Aí, podes reservar as sesións que queiras. Moitas veces xa haberá alguén para a franxa horaria escollida (sempre a en punto, e cuarto, e media ou menos cuarto), polo que xa reservas con esa persoa. Se non hai ninguén, reservas igual e pronto serás emparellado con outro usuario. (Non, non podes elixir).

Cando chega a hora indicada, abres a sesión. Nunha nova pestana, iníciase unha videochamada co teu compañeiro para os vindeiros 50 minutos. Presentádesvos, dicides rápido en que ides traballar, e ao allo. Hai tamén unha ventá de chat na que algúns usuarios van actualizando se finalizan unha tarefa e inician outra. Cando pasan os 50 minutos, contádesvos que tal foi a cousa, e pechades.

Funciona? Curiosamente, si, funciona. Diría que hai varios factores que axudan na súa eficacia. Por un lado, o principal de ter a esa persoa aí, coa que conectaches brevemente e á que non queres decepcionar. Por outro, o de que sexan sesións de 50 minutos, un tempo limitado que axuda a concentrarse. Ademais, o de dicir antes que vas facer neses 50 minutos, fai  que te centres en algo concreto.

Que a persoa sexa un descoñecido e non un amigo fai que non interrumpas a sesión para dicirlle o disperso que estás. E a min en particular axúdame tamén moito a saber canto tardo de verdade en escribir algo, o que xa me está axudando a planificarme mellor.

Detrás de Focusmate está Taylor Jacobson, un freelance e emprendedor que tiña un problema gordo de procrastinación. Intentouno todo, di, pero nada funcionaba. Un día decidiu cun amigo que tamén traballaba desde casa traballar con Skype aberto, en sesións dun tempo limitado e dicíndose antes que ían facer. A produtividade disparouse. Como non sempre podían quedar para facer isto, decidiron crear un grupo de Facebook con xente freelance ou con flexibilidade horaria para quedar para traballar de forma virtual. O paso seguinte foi Focusmate.

Nestas 39 sesións, traballei con xente de Sudáfrica a India, pasando por Corea, Reino Unido e, por suposto, Estados Unidos. As conversas previas e posteriores ás sesións son sempre moi breves (o que queremos todos é traballar), pero nalgunhas ata sentín esa conexión de coñecer a alguén que che cae ben. Unha rapaza de Londres que compartiu que na sesión anterior lle fixeran mansplaining. O iraní programador que tiña un gato fermoso que nun momento pasou por riba do seu portatil. A señora de Virxinia que usou a sesión para facer un collar. O letón que vive en Barcelona que o que tiña que facer era ordenar papeis de Facenda.

Eu uso Focusmate para escribir ou investigar artigos, pero o certo é que podes facer un pouco o que queiras. Ademais dos exemplos citados, atopei moito doctorando en plena tese, xente escribindo libros e uns cantos estudantes. Pero hai tamén quen pon Focusmate mentres fai exercicio (non me tocou aínda ninguén así), cociña ou limpa. No grupo de Facebook que hai para os usuarios, alguén comentaba hai uns días que pensaba usar unha sesión para ler por pracer. Preguntarédesvos se é necesario, pero cando pasastes 50 minutos lendo sen interrupcións por última vez?

Quedan 14 minutos na miña sesión con Mariam e penso que podo deixar xa de escribir. Usarei o que queda para editar, escoller imaxe e programar isto. Son case as 9 da noite e non contaba con escribir nada hoxe para Disquecool. E mirade.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *