Dinos a quen tes que mercar un regalo e nós dicimos que libro debes comprar

Dá igual que celebres Papá Noel, os Reis Magos ou os dous, ou que sexas do Apalpador, a mellor idea para regalar en calquera deses días (ou en calquera momento do ano) é a dun libro. Agasalla sempre libros e nunca fallarás. Prometido! Para facer as cousas máis doadas e para que vaias á libraría coa lista dos deberes feitos, velaquí vai un listado de recomendacións de posibles agasallos segundo os diferentes perfís aos que podes ter que agasallalos.

Para ti, para o cultureta, para todos. Pack Stefan Zweig. Non existe como tal no mercado (aínda que librarías de Galicia, de nada!) e teredes que facer o pack vós mesmos xuntando tres das novidades que acaban de chegar ao mercado.

Irmás Cartoné aporta Novela de xadrez (da que xa vos falamos), Hugin e Munin A impaciencia do corazón e Kalandraka Momentos estelares da humanidade. As tres editoriais acaban de publicar tres dos títulos da bibliografía de Stefan Zweig, o escritor austríaco de Entreguerras, en galego.

Para o “cuñado”. Historias das historias de Galicia, por varios autores e de Xerais. Se estás máis que farta dese familiar/compañeiro de traballo/o que sexa que sempre explica todo nas cenas de Nadal  e que ademais non fai máis que caer en clixés sobre a historia galega e o que esa persoa cre que o explica todo (vamos, o perfil “cuñado” que se asentou nos últimos anos como palabra clave para identificalo) podes regalarlle as Historias das historias de Galicia con moi claras segundas intencións.

Para a cativada (ou para ti como autorregalo). Pioneiras. Galegas que abriron camiño, con ilustracións de Nuria Díaz e textos de Anaír Rodríguez. Non só é un dos libros cun mellor deseño de cuberta do ano, senón tamén un libro perfecto para regalar a nenos e nenas e para comprar como regalo propio. Un repaso ilustrado polas historias das mulleres da historia de Galicia que romperon barreiras.

Para quen sempre di que ten que ler todo o que dixo que tiña que ler. O señor dos aneis, de J. R. R. Tolkien. A tempo para o Nadal Sushi Books publica a tradución galega do clásico de J. R. R. Tolkien. É un habitual nas listas de libros que levantan paixóns, pero tamén un recorrente nas listas de libros que acumulamos dicindo que algún día os imos ler.

Para quen precisa ser espertado ao feminismo. Todos teriamos que ser feministas, de Chimamanda Ngozi Adichie, tamén en Sushi Books, é breve e directo, a conversión dunha charla Ted en libro.  As novelas de Ngozi Adichie tamén son unha lectura destacada (hai nesta redacción quen é fan da escritora nixeriana nivel febre teenager) e tamén empezan a ser publicadas en galego (Rinoceronte publicou xa O hibisco púrpura; Galaxia acaba de lanzar —por outra banda— unha colección sobre feminismo, pero aínda temos que investigar os seus contidos).

Para o que busca as rarezas literarias. Seis poemas galegos, de Federico García Lorca. Chan de Pólvora recupera os poemas escritos en galego por Lorca nunha edición que inclúe facsímile da edición dos anos 30, unha reedición dos poemas e textos que contextualizan e analizan a escritura e a autoría desas poesías.

Para aos que lles preocupa o mundo no que estamos (ou se cadra non…). A orde do día, de Éric Vuillard, foi premio Goncourt en 2017 e é deses libros do ano europeos, unhas das exportacións “top” da literatura francesa dos últimos anos. E tamén unha historia sobre as cousas que pasan nos momentos decisivos…

En febreiro de 1933 unha reunión no Parlamento alemán agrupa aos principais industriais do país (os propietarios de empresas que aínda hoxe coñecemos, como Opel, Krupp, Siemens, IG Farben, Bayer, Telefunken, Agfa y Varta). A reunión non estaba na orde do día parlamentaria, pero as súas conclusións tiveron un efecto directo na historia alemá, europea e mundial dos próximos anos.

Foto | Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *