6 libros feministas para incluír na lista de lecturas

Pode que, como me pasa a min, durante este confinamento no fogar esteades a ler menos do que leriades habitualmente  (ao principio concentrarse era moi, moi complicado). Pode que, polo contrario, sexades capaces de ler moito e moi intensamente. Sexa para agora (complicado se non o tedes na casa, porque non é posible acceder vía ebook a moitos destes títulos), sexa para cando todo isto remate, hoxe recomendamos unha selección de libros sobre feminismo e feministas. Son ensaios, novelas e libros de historia cunha óptica feminista.

Por suposto, non son todos —as seleccións é o que teñen— pero sempre podedes engadir máis propostas nos comentarios.

O conto da criada, de Margaret Atwood (Irmás Cartoné)

Dende que a serie da HBO fixo tan populares ás súas personaxes, é a novela/historia por excelencia nas lecturas feministas, xa que adquiriu unha certa condición de icona. Foi un dos grandes lanzamentos de Irmás Cartoné en 2019 e sempre é unha boa idea volver a recuperar o texto. Unha sociedade distópica na que as mulleres son meras incubadoras para os fillos da elite invita a pensar —e moito— sobre as estruturas sociais nas que nos movemos.

Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit (Hércules)

Hércules de Ediciones é a última editorial galega que lanzou (que saibamos) unha colección de textos de feminismos. Arrincaron forte, cun texto de Mary Beard (moi interesante, sobre poder e mulleres) e coa tradución ao galego do libro no que se acuñou o termo mansplaining. Vale que agora temos moi claro que nos queren dicir con iso (e identificamos rapidamente os momentos nos que o temos vivido) pero iso non quita que sexa unha lectura clásica.

Todos teriamos que ser feministas, de Chimamanda Ngozi Adichie (Sushi Books)

Posiblemente un dos textos máis populares do feminismo recente. O ensaio, moi breve, é en realidade unha adaptación dunha charla TED da escritora. Pero non por breve é menos interesante. Un primeiro punto de contacto con moitos temas. En galego tamén se pode ler unha das novelas de Ngozi Adichie (O hibisco púrpura, en Rinoceronte). No círculo próximo da redacción de Disquecool hai fans moi entusiastas da obra desta escritora, así que podedes engadir o título como lectura recomendada.

Chámame señora, pero trátame coma a un señor, de Inma López Silva (Galaxia)

Un dos primeiros libros da colección Feminismos, que comezaron hai xa un ano en Galaxia. López Silva aborda os machismos no mundo da cultura e como se manteñen certas prácticas que minusvaloran o traballo das mulleres. Todo está escrito dende o punto de partida da cultura galega, o que para os que o vemos todo dende fóra fai que o libro sexa aínda máis interesante.

Un cuarto de seu, de Virginia Woolf (Sotelo Blanco)

É unha edición de 2005, así que posiblemente teredes que recorrer ás bibliotecas cando todo isto remate. É un dos ensaios que se consideran clave na historia do feminismo e o que acuñou a idea de que as mulleres precisan unha independencia financeira para poder desenvolver unha carreira creativa. Este non é o único texto fundacional que foi traducido ao longo dos anos ao galego. Concepción Arenal, Mary Wollstonecraft ou Alexandra Kollontai tamén foron traducidas na mesma colección de Sotelo Blanco na que se publicou este libro.

Pioneiras do deporte en Galicia, de Cristina López Villar (Deputación da Coruña)

Os libros publicados polas deputacións non aparecen habitualmente nos listados de cousas cool e de lecturas recomendadas. De verdade, prometo que este paga moito a pena. López Villar profundiza na historia —completamente esquecida— das mulleres deportistas (mesmo en certo modo profesionais do deporte) da Galicia das primeiras décadas do século XX.

 

Foto | Skitterphoto from Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *