Paredes de Coura 2014: let’s go (crowd)surfing (venres 22)

pcoura2

O venres era oficialmente o día co cartel máis frouxo, o que se notou na cantidade de xente que había no festival. Oficialmente, dicimos. Extraoficialmente a lista de artistas convocados para tocar ese día non tiña nada que envexar ao resto. Empezando xa a primeira hora, ás 18:00, con Dawes tocando no Palco Vodafone.FM e eu esperando a ver se saía Conor Oberst a tocar algo con eles como agasallo aos madrugadores. Non pasou, pero tampouco importou moito. Dawes son un deses grupos que fan que saias do seu concerto contenta e pensando por que diaños están de moda as cousas modernas e xa non se pode facer rock clásico e ser guay.

Démoslles o seu propio parágrafo. Cando digo que Dawes fan rock clásico refírome a americana clásica, a estar pensando en Jackson Browne en cada unha das súas cancións e ata ver a Neil Young ou Bruce Springsteen en instantes efémeros. E, sobre todo, a estar desfrutando do concerto dos catro californianos, dos temas bonitos (porque son bonitos, que outra palabra buscar?), das historias sobre viaxes, sobre a estrada, sobre volver a casa (pero cal é o noso fogar?), sobre maletas e guitarras, a xente que atopas e a que botas en falta. Dawes molan, esa é a conclusión.

dawes

Dos portugueses Kilimanjaro xa podedes imaxinar que non vos vou a contar moito. Achegueime polo escenario, escoitei o nivel dos decibelios e din a volta (non vos enfadedes, non sabería que dicirvos deles, non distingo o bo do malo do regular cando se trata de música deste tipo – “stoner rock”, din os medios oficiais).

bukeandgaseA Buke and Gase si que me apetecía velos, porque lembraba que estiveran un ano en San Simón e que me gustaran o suficiente para seguilos en Facebook. Cos seus instrumentos creados por si mesmos (o ukelele eléctrico -buke -e a guitarra-baixo -gase-), deron o seu recital de músicas imposibles. Pop con tintes experimentais, os patróns repetitivos, o ritmo e, sobre todo, a voz dela, destacaron e lograron que esquecesemos todo o que retumbaba o “gase”, a niveis máis relacionados co son da carpa que cun son buscado polo dúo. Ah, e ela está un pouco mal da cabeza, que sempre se agradece.

Aquí eu xa estaba nerviosa. Fixen o paseíllo polo escenario principal no que estaban Linda Martini, volvín a ter o mesmo problema que con Kilimanjaro (non teño nada contra os grupos portugueses, de verdade), e decidimos cear. Quería ver a Yuck, de verdade que si, pero os nervios eran xa moitos. Había que ir ao palco grande a coller sitio, porque despois tocáballe a Conor Oberst.

Conor Oberst, líder de Bright Eyes e de tantos outros proxectos paralelos, era a razón principal pola que eu estaba no Paredes de Coura, ademais de ser a razón pola que teño feito moitas cousas na miña vida. Está no meu top 5. Eu póñome nerviosa antes dos concertos do meu top 5. Fíxome ilusión ver que había xente xa esperando, que todo o centro estaba xa collido. Canto queren a Conor!, pensei, pequena ilusa. A realidade era outra. Conor Oberst importábanos a unhas dez persoas das alí presentes, o resto estaban esperando a Black Lips. Pero conseguín que non me afectase. Xa estaba alí!

Estaba Conor e estaba todo Dawes como a súa banda (eu sabía que ían xuntos de xira, pero non tan xuntos) e fixeron un concerto bonito, impecable e emocionante (polo menos para unha fan coma min). Caeron moitas do último disco de Conor en solitario, doutros dos seus proxectos, e algúns dos mellores momentos de Bright Eyes. Hit the switch, Old Soul Song, Lover I Don’t Have To Love, Another Travelin’ Song… E el intentouno todo para conectar: dixo que era a primeira vez que tocaba en Portugal (que non sabía por que tiña tocado 50 veces no resto dos países europeos), contou que Old Soul Song fala dun bar que unhas amigas súas portuguesas teñen en Nova York, … pero a xente estaba a outra cousa. Volverá a Portugal?

conor

Black Lips eran o obxecto de desexo de todos eses adolescentes que tiñan agarrada a primeira fila e aos que eu inocentemente confundira con fans de Conor (se lle tivesen prestado atención! co adolescente que é a súa música!), e en canto saíron ao escenario todo se revolucionou. Co seu rock clásico e sucio -con problemas de son que seica fixeron que soase aínda máis sucio do normal-, a súa actitude de rockers por riba de todo, con eses temas que facían pensar nos Ramones e nos Beatles da primeira época de forma case simultánea, o certo é que estiveron mellor do que eu anticipaba (odiábaos un pouco por ter máis éxito que Conor). Aquí empezou tamén o pasatempo preferido do público do Paredes de Coura este ano: crowd surfing! O paseo de xente sobre as multitudes era tan continuo que daba hasta algo de mágoa polo grupo, porque parecía que a xente estaba ao que estaba, coa música só como acompañante de fondo.

blacklips

Despois tocoulle o turno aos australianos Cut/Copy, unha boa elección para esas altas horas da noite (era case a 1!), se non fose porque a xente parecía xa totalmente esgotada. Eles intentaban animar co seu pop electrónico e híper bailable, pero en moitas ocasións  a xente respondía só movendo lixeiramente a testa. E iso que ía tanto frío que bailar parecía a única opción para non morrer conxelado!

A noite continuou. Eu escoiteino todo desde a tenda.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará