MOV3, moda sostible feita en Galicia

Pode a moda ser verde? Semella case imposible, se nos quedamos unicamente co ritmo acelerado no que hoxe en día se produce a roupa (pensade no ritmo no que cambian as coleccións en Zara, por exemplo), atopar unha consciencia verde no mundo da moda. Por ir ao simple e ao básico, ese clásico exemplo que tira do obvio, os grandes deseñadores, os que desfilan en pasarela, non teñen ningún inconvinte en subir peles nas súas coleccións invernais, o que non é o que se di moi ecoloxicamente – friendly. Pero non hai que deixarse levar por esa primeira impresión porque a moda (e a moda cool) pode ser respectuosa co entorno (e por respectuosa podemos ir mesmo máis alá do respecto polo medio ambiente e centrarnos noutros aspectos igualmente preocupantes – posiblemente aínda máis preocupantes – como é o respecto polas persoas), sostible e un pouco máis molona que o resto das cousas que están á moda.

MOV3140702_021

Nos últimos anos apareceron moitas iniciativas que intentaron darlle un novo aire ao mundo da moda no que se refire a ser sostibles. Hai marcas que fan zapatos con neumáticos e chaquetas coa borralla do café, como pode ser Ecoalf. Hai marcas que che permiten saber onde e como se fixo o que vas mercar (e asegurarte así de que o que estas a vestir respecte os dereitos laborais de quen o fabrica). E hai marcas que están a recuperar a proximidade, centrándose nas cousas que temos no inmediato para facer moda.

MOV3140702_023

Descubrir a esas marcas é cada vez máis doado. Internet fixo que o camiño para chegar a elas sexa aínda máis dereito. E por internet pasa o camiño para coñecer ás marcas que están a facer todo isto en Galicia.  MOV3 é un colectivo do mundo da moda que reúne diferentes iniciativas, con distintos estilos e públicos, que se están a desenvolver en Galicia e desde Galicia, todas relacionadas coa moda e o deseño e que parten da idea de que “outra forma de producir e consumir moda é posible”.  Por iso, procuran o “uso responsable dos recursos naturais, a produción local e o respecto e trato digno ás persoas”. “Optamos por un modelo de deseño con identidade propia que defende tanto o valor artístico das pezas como a súa calidade e durabilidade”, sinalan no seu manifesto. O seu apelido é bastante evidente do que buscan: Galicia Viste Consciente.

MOV3140702_044

E dende MOV3 acaban de presentar en Pontevedra unha iniciativa que fai que atopar esa moda sostible sexa aínda máis sinxelo: é un directorio online no que se poden atopar a diferentes marcas e creadores que traballan seguindo eses parámetros. “Esa é unha das patas de MOV3, xuntar individualidades que fagan que se vexa que en Galicia está a pasar algo e crear sinerxías para o consumidor que queira achegarse a esta proposta”, explicaba na presentación María Almazán,  deseñadora e consultora en moda sostible e un dos nomes que está neste proxecto. Entre as marcas que se poden atopar no directorio hai, de feito, propostas para todos os gustos, dende os tipis para nenos de Erizo Violeta ata os deseños de Rafael J. Cameselle pasando polas sudadeiras de Xiro, por poñer só uns exemplos.

Fotos | MOV3

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *