Habesha: comida etíope en Vigo

En toda España só hai catro restaurantes etíopes e un deles está no centro de Vigo. Trátase  de Habesha, que é o nome co que os etíopes designan Etiopía e que Maher e Fatuma abriron vai xa tres meses na rúa Urzáiz número 63 co obxectivo de “achegar a tradición etíope a Galicia“.

O primeiro que sorprende ao entrar en Habesha é que sobre cada mesa descansa un recipiente de vimbio de cores brillantes. É o mesob, onde os nativos serven a comida da familia e de onde comen todos xuntos coas mans. Ao finalizar, poñen a tapa para conservar mellor o calor/frío dos alimentos que están no interior.

E que se come no mesob? A comida tradicional etíope consiste en combinacións de carne e verduras, que se serven sobre un pan de cebada (injera). Os alimentos son universais: vitela, cordeiro, polo, porros, patacas, cenorias, pementos… e de feito, segundo Maher, son 100% produto galego, o único que varía é a forma de preparalos. A cociña etíope é moi picante, pero para non impresionar demasiado ao padal europeo, as salsas son opcionais.

O certo é que os sabores son facilmente recoñecibles porque non están moi lonxe da nosa (suposta) dieta mediterránea, pero cun toque especial (e dou fe que moi bo). A comida etíope recorda en bastante á cociña árabe, xa que comparten cultura, o que podemos identificar por exemplo na sobremesa de améndoa e mel: baklava!

Outro elemento importante de Habesha é a cerimonia do café, cando hai todo un ritual para torrar os grans verdes (que segundo Maher non quitan o sono) e para servir o café resultante, acompañado de flocos de millo ou kolo (sementes de cereais torrados). Trátase dun proceso delicado, que só Fatuma (como boa etíope) é quen de levar a cabo con precisión.

O teu estómago está comezando a ruxir? Pois xa sabes, se estás farto de comer sempre o mesmo, podes gozar dunha boa comida etíope no restaurante Habesha.

Fotos | Restaurante Habesha

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *