À moda antiga, restaurante e tenda retro en Viana do Castelo

a moda antiga 2

Di unha das redactoras de Disquecool que en realidade este tipo de establecementos empezan a ser xa unha constante en Portugal. Ela atopou un nas Azores e os resto da redacción visitamos uns cantos nalgúns outros lugares pero, a pesar de todo, non deixamos de entrar neles e de desfrutar deles. O tipo de establecementos en cuestión son eses restaurantes cool que ocupan unha tenda igualmente cool. Xa sabedes, bocadillo dalgo moi rico ou hamburguesa gourmet a consumir ao mesmo tempo que podes mercar uns bolsos de vimbio ou uns xabóns de aires retro. O último (que non o derradeiro) no que entramos e que nos gustou no mesmo momento no que cruzamos pola porta foi À moda antiga, unha tenda retro con restaurante asociado en Viana do Castelo.

Este restaurante-tenda está xusto fronte ao porto de Viana do Castelo (e ao lado dun Abanca, que xa sabemos que non é o máis cool pero que é bastante útil) e xusto en pleno centro turístico da cidade. Ocupa un local con bastante encanto. Cando lle preguntamos a un dos responsables ao pagar as nosas consumicións, contounos que tiña unha longa historia. Nos anos 30 formaba parte dunha tenda de maquinaria que ocupaba varios baixos naquela rúa (o deles era o almacén e ao parecer aínda é posible ver a mancha negra que deixou o carbón no lugar no que era almacenado). Nos anos 50 era unha tenda de material de construción. E nos 2000 era un baixo pechado. Eles abriron tres anos atrás. Ninguén quería o baixo, porque precisaba moita reforma e moita obra, pero para eles era perfecto, xa que era o que estaban buscando.

a moda antiga 3

Que é o que é agora? Agora ten un aire chic-industrial, con paredes de pedra á vista e chan de lousa. Nas parte da tenda hai produtos cool portugueses. Si, as xa habituais latas de conserva pero tamén chocolate, xabóns, produtos de tocador, bolsos distintos ou cadernos e similares. Tamén hai viño local. Na parte do restaurante, a carta está composta por hamburguesas gourmet (moi deliciosas), pratos tradicionais (atentos ao cartel cos que os anuncian fóra) ou sobremesas variadas. É un mix de novo e vello que funciona bastante ben. A comida tamén está para levar.

E, finalmente, ademais de tenda e restaurante gourmet, tamén alugan bicicletas, o que sempre é unha opción a ter en conta.

Fotos À Moda Antiga – Retro Market & Bistro

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará