Como sobrevivir a unha vaga de calor

vaga de calor

Todos sabemos que a calor é moi mala. E se non o sabiades xa a literatura se encargou de deixalo claro. Podes acabar matando a alguén, podes ter un encontro do demo ou podes deixarte levar polas paixóns e acabar en brazos dun señorito andaluz. E si, no inverno estivemos a chorar todo o tempo porque chovía e ía frío, pero xa sabemos que o tempo vale unicamente para ter de que falar con veciños e para poder ser sempre infelices en relación ao mesmo e cando chega a calor infernal temos unha nova razón para chorar.

Cando un se enfronta a unha vaga de calor ten que beber moita auga e ten que fuxir á praia ou ao río, a intentar refrescarse (e botade crema solar!). Iso é o que nos din sempre e iso é o que todos temos claro porque xa a nosa avoa se encargou de lembralo. Pero como pode un sobrevivir a unha vaga de calor máis alá de quedando a remollo no mar e bebendo tanto como prometen que fan todos eses famosos que non engordan nunca?

1. Non saias da casa a menos que sexa absolutamente necesario

(por exemplo, o edificio está ardendo ou precisas ir á farmacia mercar algo para as picadas dos mosquitos. Ou se unha caída mundial das telecomunicacións che deixa sen internet)

Non te enganes. Onde vas estar mellor que na túa casa, con todas as persianas baixadas como se foses un vampiro e coa neveira chea de botellas de auga? En ningún lado. De verdade. Ademais, xa non precisas saír para mercar practicamente nada. Internet o levará á túa casa. Viva o ecommerce

2. Múdate á cafetería máis preto da túa casa e non marches ata que pechen ou apaguen o aire acondicionado.

Este artigo ten como mecenas á cafetería Recantos, aínda que eles non o saben…

3. Vai ao cine

O cine é ese lugar do mundo no que sempre é inverno. Inverno no círculo polar. Alí si poderás poñer a túa rebequita.

4. Come xeados

Case é por imperativo médico (podes cambialo por sandía ben gardadiña na neveira, pero… quen quere ser sano?)

5. Empeza a ler un best-seller que teña mínimo 1.000 páxinas. Ou empeza a ver Xogo de Tronos dende a tempada un

Terás unha escusa para non saír á rúa. Chámalle binge watching, binge reading, chámalle X.

6. Fuxe a Islandia

Non tiñas tantas ganas de ir? Este é o teu momento

Foto Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *