Sushibooks, unha nova editorial para nenos

Son os nenos os únicos que seguen lendo de forma habitual? A xulgar pola oferta editorial existente (e crecente) que aparece no mercado para os máis pequenos, parece bastante claro que os nenos len. Ao panorama literario galego para os máis pequenos acaba de unirse Sushi Books, un novo spin-off de Rinoceronte. “Por darlles unha alegría aos nenos que coñecemos e aos nenos que levamos dentro”,m explícanos Anxa Correa, de Sushi Books, cando lle preguntamos polas razóns polas que decidiron lanzar esta nova marca editorial. “Por ampliar o abano de Rinoceronte Editora, que ata agora só publicaba literatura para adultos. Porque hai unha chea de autores internacionais que traducir e unha boa canteira de autores do país para publicar en galego e noutras linguas do Estado. E porque nos decatamos de que a literatura infantil e xuvenil é a que mellor resiste no mercado editorial español, e vimos un campo de acción”, engade.

XildasSushi Books arranca con Xildas, o primeiro libro do último galardoado co Premio Merlín, Antonio M. Fraga Allegue, e O poder de Amabel, de Érica Esmorís, que están xa en librarías en galego. A editorial non se limitará só á publicación en galego e tampouco ás novidades. Entre os libros que van traducir ao galego están títulos de Astrid Lindgren (si, a de Pipi), da que publicarán Os nenos de Bullerbyn ou Roald Dahl, con Boy e Flying solo. O obxectivo é o de chegar non só aos nenos máis pequenos senón tamén a un público xuvenil. Entre os próximos lanzamentos está, por exemplo, o moi popular  O curioso incidente do can á media noite, de Mark Haddon.

Moitos destes libros sairán tamén en castelán, euskera e catalán. Por que esta edición noutras linguas máis alá do galego? “Por unha banda, moitas veces é máis doado negociar os dereitos de tradución dunha obra se ofreces a publicación en catro linguas“, dinos Anxa Correa por mail, “como no caso de Ole Lund Kierkegaard”, un dos exemplos. “Tamén permite aumentar a tiraxe de proxectos que doutro xeito sería inviable asumir en formatos como o álbum ilustrado ou a tapa dura, como ocorre co Venres“, engade. Rinoceronte xa ten experiencia no lanzamento de libros galegos fóra de Galicia, como sucede con Pulp Books, así que repetirán a mesma rede de distribución desa liña editorial coa súa firma para nenos.

informe xildas 2Aínda que polo momento só hai dous títulos no mercado, a filosofía de Sushi Books está xa moi clara. “Teñen que ser obras entretidas, que conten unha historia interesante e que prendan a paixón pola lectura”, dinos Anxa Correa sobre as características que debe ter un libro Sushi Books. Para saber se iso acontece que mellor que pedirlle aos seus potenciais lectores que fagan a selección editorial. “Moitos destes libros sometémolos antes ao xuízo dos rapaces que temos por casa, que son os máis esixentes e sinceros a hora de valorar as obras, ben en galego, cando son inéditas, ben en castelán, cando xa existe unha tradución anterior”, apunta.

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *