Para todo momento do ano cae ben un bo libro ou algunha boa frikada literaria. E como somos moi de compartir fixemos un resumo das que agora mesmo podedes facer (xa ou nesta fin de semana) en diferentes localidades galegas.
Paseos Literarios
Durante o mes de xuño, Pontevedra e Santiago acollen varias sesións dos Paseos Literarios, que organiza a AELG en colaboración cos concellos das dúas cidades. En Santiago arrancan este sábado cunha visita pola “Compostela dos libros propios e alleos” con Inma López Silva e en Pontevedra o próximo cun paseo seguindo a “influencia do cinema na Pontevedra do primeiro terzo do século XX”, pero seguirán durante todo o mes con máis entregas (en Santiago, por exemplo, haberá unha sesión sobre portas e poxigos da antiga muralla e en Pontevedra por Pedrarcana, cidade lorquiana).
As visitas son baixo reserva e teñen capacidade limitada, pero na web da AELG aparecen os datos de reserva.
Santiago e Pontevedra
As nosas letras de Muller a Muller & Feira do Libro
Xa vos falamos deste libro cando o presentaron hai uns meses, pero agora vai ser material para unha exposición. A Feira do Libro de Redondela acolle unha mostra baseada nos debuxos de As nosas letras de Muller a Muller, o libro con ilustracións de Mareiras e textos de Ánxela Lemas, sobre os diferentes homenaxeados do día das Letras Galegas.
E, xa que estamos, pódese dar unha volta pola feira do Libro de Redondela e mercar uns cantos libros.
Redondela, do 6 ao 9 de xuño
Quedar na casa e ler
Si, é unha actividade literaria un pouco DIY, sabémolo, pero nalgunhas zonas de Galicia a borrasca Miguel (viva! unha borrasca explosiva cando pensabamos que era xa verán!) fará que resulte moi apetecible. Nós sempre somos de libro e sofá, suma mantiña, ventilador ou o que toque no momento do ano no que esteas.
A porta do tempo
A terceira sesión da Historia das Mulleres en Ourense, que arranca do Arquivo Histórico Provincial este venres 7 ás 19 (baixo inscrición), seguirá o percorrido das mulleres da intelectualidade de comezos do século XX e finais do XIX a través do casco antigo da cidade. Poñémolo porque mola e tamén porque as pezas clave coas que arrancará o percorrido son dúas escritoras, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal.
Ourense, 7 de xuño
SELIC
Sabemos pouco máis que nada sobre isto. Só nos enteramos porque publicaron unhas fotos no perfil de Facebook de Compostela Literaria e porque algúns eventos literarios vinculados comezaron a aparecer nas redes sociais, pero xa se pode tomar notas. Chega a Semana do Libro de Compostela, novamente.
Do 7 ao 16 de xuño, Praza da Quintana en Santiago
Dedalus en Compostela
Non ten Dublín un Bloomsday? Pois aquí hai un percorrido seguindo a James Joyce e a Vicente Risco. Parte do relato Dedalus en Compostela, que Risco publicou en 1929 e que conta a visita de Stephen Dedalus (seica James Joyce) á cidade. Tamén é baixo reserva de praza (en SermosGaliza teñen máis información).
Santiago, 7 de xuño
Fotos | Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pexels