Unhas cantas actividades literarias para a semana do día das Letras Galegas

Estamos na conta atrás para o día das Letras Galegas. Ademais das clásicas actividades das empresas (por exemplo, Renfe está poñendo mensaxes alusivas nos trens), dos lanzamentos editoriais vinculados ao autor do ano (Antón Fraguas) e da exposición clásica do día (que está no Museo do Pobo Galego, en Santiago), a xornada serve como escusa para o lanzamento de moitas máis actividades literarias. Recompilamos algunhas das que temos fichadas, pero como sempre podedes sumar máis recomendacións dos comentarios.

Libros á vista

Por segundo ano consecutivo (o ano pasado xa fixeron unha primeira entrega), os libros decoran, ben visibles, as rúas de Santiago de Compostela. Polo menos ese é obxectivo de Libros á Vista, que pide que se poñan libros nas ventás, nos escaparates e en lugares visibles entre o 1 e o 17 de maio. Organiza Compostela Literaria, pero estamos convencidas de que se alguén lles quere copiar a idea e levar a outros lugares a iniciativa non lles parecerá mal.

Romaría dos Libros

A tradición do día das Letras Galegas debería ser a de saír a mercar un libro. Non imos preguntar se o é de verdade… Iso si, cada vez hai máis actividades que fan que incorporar esa idea sexa bastante atractivo. É o caso da Romaría dos Libros de Primavera, que se celebrará na praza de Mazarelos o 17 entre as 11 e as 21. Prometen carpa se chove! O programa inclúe, ademais de libros, presentacións, recitais, monólogos ou música.

En Santiago, o día 17

Cine galego no CGAI

Durante toda esta semana, a Filmoteca de Galicia está pasando cintas moi vinculadas á historia do cine galego, entre elas as primeiras curtametraxes galegas rodadas en 35 mm, con motivo do día das Letras Galegas. A programación tamén inclúe longas e documentais.

Na Coruña, toda a semana  

Semana do Libro Infantil e Xuvenil 2019. LIX Rianxo

Desenvólvese durante toda a semana (por primeira vez!) e conta con actividades para escolares pero tamén con outras abertas ao público xeral. Recomendamos iso si comprobar as condicións de asistencia na súa web. As librarías de Rianxo contan con descontos en literatura xuvenil e infantil.

En Rianxo, toda a semana

Día das Letras Galegas LGTB

Nos últimos anos, apareceron alternativas ao día das Letras Galegas tradicional e a algúns dos seus fallos (iso, para outro día). A Sega puxo en marcha, por exemplo, o Día das Galegas nas Letras, que se celebra en agosto. A Libraría Lila de Lilith acolle esta tarde a primeira sesión do día das Letras Galegas LGBT, que continuará mañá e que, como explican no evento en Facebook dos seus organizadores, quere dar visibilidade a escritura literaria galega LGBT.

En Santiago, os días 14 e 15

Ruar e rir

Street art literario nos pasos de peóns en Carballo. Os propios alumnos dos IES da localidade son os que están realizando a intervención, con frases como “a lectura é o atallo para a cultura” ou “precaución, aquí aprendemos a pensar”. Xa usaran street art nas Letras Galegas de 2015. A actividade é para os escolares da localidade, pero a súa obra queda visible para todos (e a programación especial de Carballo para o día ten máis cousas)

En Carballo

Día dos Museos

E non ten nada que ver co día das Letras Galegas, pero esta semana tamén é o día dos Museos o próximo 18, sábado. Os museos galegos teñen unha chea de actividades especiais, dende visitas teatralizadas no Museo de Emilia Pardo Bazán ata obradoiros no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ou concertos no Museo Etnolóxico de Ribadavia. As opcións son moi variadas (recomendamos mirar a axenda específica en cada localidade). Moitos museos terán entrada de balde o propio día 18.

Galicia enteira

Fotos | Pexels, Compostela Literaria, LIX Rianxo

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *