‘O peirao de Ouistreham’, a crise dende dentro

No ano 2005, a xornalista francesa Florence Aubenas foi secuestrada no Iraq co seu tradutor. As prazas de toda Francia enchéronse de imaxes de Aubenas, reclamando a súa liberación, e o rostro da reporteira fíxose moi popular. No 2009, Aubenas tomouse un ano sabático no xornal no que traballaba e deixou que  a xente pensase que ía a Marrocos, a escribir unha novela. En realidade, tinguira o cabelo de louro, borrara moitas cousas do seu curriculum e marchara vivir a Caen, no norte de Francia, onde estaba intentando atopar un traballo e vivir, dende dentro, a crise.

Os seis meses que pasou en Caen nárraos en ‘O peirao de Ouistreham’, unha investigación xornalística en primeira persoa, na senda do famoso Günter Wallraff. Aubenas fíxose pasar por unha muller á que o marido acababa de deixar, con 48 anos, sen ter traballado nunca e sen ter máis xeito de sobrevivir que poñéndose a traballar. Mantivo o seu nome e os seus documentos de identidade, pero só unha persoa a recoñeceu por quen en realidade era. O resto, como se pode ver na lectura da súa historia, non conseguiu ver nela máis que un caso desesperado que o Pôle d’Emploi, o servizo francés de traballo, pouco ía poder solucionar. O Pôle d’Emploi é o protagonista das primeiras páxinas do libro, cando Aubenas decide confiarse a eles para conseguir o seu primeiro traballo. O único que consigue deles é unha orientación profesional (facerse limpiadora) e unha chea de cursos que non sempre semellan servir para algo.

Aubenas decide confiarse ás ETT, como único recurso para atopar traballo. Alí descubre que todo o mundo está disposto a facer o que sexa por conseguir un traballo, que non conseguirá máis que traballar a horas e sen poder pechar un horario (o habitual ao longo do libro é que a chamen a calquera hora, en calquera momento, para ir facer unha sustitución calquera, sen poder – claro está – dicir que non) e que unha vez que se entra nese sistema a visión do mundo acábase deformando. Aubenas traballará nun cámping máis horas das acordadas e cunhas condicións de espanto, nunhas oficinas… e sobre todo no ferry que une Caen con Portsmouth e que sae do peirao de Ouistreham. O ferry é o máis semellante a partir en galeras dos traballos non cualificados da zona, como ben lle alertaran á xornalista outros parados, pero, ante a ausencia de traballo, é a única opción viable. Aubenas descubre alí un mundo milimetrado no que deben facerse camas, limpas os ‘sanis’ e recoller todo para que estea impecable no intervalo entre que o ferry chega e volve saír.

O libro é unha achega moi interesante nestes tempos de crise, unha historia de precariedade e falta de solucións moi ben narrada. Aubenas desfila por empresas de traballo temporal, compañías de limpeza e feiras de traballo nas que ten que explicar as razóns polas que sería moi feliz traballando nas limpezas dun hipermercado, coa axilidade dunha novela e o verismo dos feitos reais.

*’O peirao de Ouistreham está editado en francés por Le Point e en castelán por Anagrama

Foto | katerha

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *