“Desde a literatura trato de explicar o meu tempo”

Fran Alonso

‘Ninguén’ é o ultimo libro de Fran Alonso, un libro de relatos que fala das relacións humanas tal e como se establecen nestes tempos urbanos e tecnolóxicos. Tratáse de historias que, se ben poden botar man de certa hipérbole, resultan moi recoñecibles para todos nós. Quen non pensou estarse a volver tolo por culpa do veciño de arriba? Quen non esperou nun bar a un descoñecido coñecido en internet? Quen non puxo algunha vez as súas esperanzas nunha casa en medio da natureza? ‘Ninguén’ podería case case chamarse “todos”,  e iso gústanos.

Para falar máis a fondo de todos e de “ninguén”, Disquecool entrevistou ao seu autor Fran Alonso, un escritor de longa traxectoria e de moi agradable conversación. Se sempre (coma nós) sospeitaches que era un home salientablemente afable, ben, agora podemos confirmarcho. Aquí tes o resultado da nosa entrevista.

O tema dos hoax (esas cadenas de emails que circulan tratando de convencerte de que se os reenvías Luisito poderá pagarse unha operación ou todo o mundo saberá por fin que os iogures de Danone en realidade matan) interésache tanto coma ao protagonista do último relato de ‘Ninguén’?

Agora xa non tanto, pero si, houbo un tempo en que estudiei bastante o tema. O interese dos hoax atópase na súa capacidade para constituírse en metáfora do que internet nos pode aportar tanto ás persoas normais como aos escritores, o que internet pode crear subvertendo a realidade, creando esa confusión entre ficción e realidade, e cara onde nos leva ese poder que os hoax teñen  e a súa capacidade para potenciar viralmente as mensaxes.

A estrutura do libro bota man dos hoax para unificar os relatos, mesturando de certo xeito a forma co contido…

O libro ten unha estrutura que intenta que o lector vaia avanzando cos hoax como fío condutor, tratan de estar próximos aos relatos que os anteceden, pero ao mesmo tempo intentan conducir ao lector cara a esa meta final, o último relato, onde se atopa explicación de todo o que se fala ao longo do libro.

E de que se fala ao longo do libro?

O que pretendía era abordar as relacións humanas en relación coas sociedades urbanas, entendido, desde dúas metáforas interconectadas, os veciños dunha comunidade, como se perciben entre eles, a partir das aparencias, como se relacionan entre eles, e ao mesmo tempo, as relacións das persoas coas novas tecnoloxías, que nos levan a novos hábitos, e que fan que esteamos cambiando moito máis do que pensamos. Sempre asumimos que as tecnoloxías cambian o mundo, pero non nos decatamos de que tamén nos están cambiando a nós coma persoas, unha realidade máis invisible pero seguramente máis importante.

Ves perigosos eses cambios?

Eu como escritor intento lanzar unha mirada interpretativa, para, desde a literatura, tratar de explicar o meu tempo. Desde logo, trato de fuxir do adoutrinamento ou do didactismo. Eu non estou xulgando se o que ocorre no libro é bo ou malo, simplemente intento examinalo ou interpretalo, nada máis.

Chama a atención o sós que están todos os personaxes dos distintos relatos.

Si, pero a miña intención non era subliñar esa soidade.  Por exemplo, cando escribín  ‘Males de cabeza’, que se centra nos efectos da vida contemporánea sobre a psicoloxía das persoas, si intentaba subliñar a soidade das sociedades contemporáneas, pero aquí non era o meu obxectivo, aquí a soidade é unha consecuencia normal da evolución da sociedade e de como as tecnoloxías inflúen nela. Por exemplo, cando chegou a televisión, eu recordo de neno esa discusión na miña casa, “a televisión rompe o diálogo das familias”, era un debate candente na sociedade, pero eu digo que aínda así a familia diante do televisor comentaba a película, o partido de fútbol ou o festival de Eurovisión.

E coas novas tecnoloxías xa non sucede así…

Hoxe a relación é moito máis individual, persoa-pantalla, aí hai unha serie de ventás que se abren a outro mundo lonxe de nós, pero non co entorno inmediato. As tecnoloxías lévannos cara un mundo máis individual. Esa relación moito máis individual coas máquinas que temos pódenos levar cara a un posicionamento de soidade. Pero non o xulgo, non digo que sexa malo, digo que é o que hai.

ninguénMoi bo non parece. As túas personaxes non semellan especialmente felices.

Pode ser, pero creo que hai cousas mil veces máis perigosas que as novas tecnoloxías. Eu o que si creo que nos deshumaniza é economía como elemento especulativo e o distanciamento da política respecto das necesidades do cidadán, contra iso si son crítico, pero o que tamén é certo é que iso  pode ser unha consecuencia das novas tecnoloxías, e dicir, vivimos unha crise que foi posible porque comezamos a vivir nun entorno virtual onde certas operacións virtuais eran posibles.

Como valoras a acollida de ‘Ninguén’?

Sabes que circula un hoax que é verdadeiro? Puxemos en marcha unha campaña, a través do correo electrónico, na que se di que Xerais agasalla con exemplares de ‘Tráiler’, a miña primeira novela, asinada por min. E é unha campaña que é real, realmente agasallamos co libro como modo de promoción, pero moita xente desconfía de que sexa real e non pide o libro porque cree que é un hoax.

Pero non che contestei a pregunta! Eu creo que a acollida foi moi boa. Claro, ti sempre tes unhas expectativas con cada libro que sacas. Eu tiña boas expectativas para este libro, pero recoñezo que non tantas como agora teño. Tivo moitísimas críticas practicamente nos primeiros quince días, nos medios… supoño que é consecuencia de que o tema resulta moi actual, e interesa.

En xeral, na túa obra, destaca que non só é moi prolífica, senón que o é en xéneros moi diversos: narrativa, poesía, xornalismo, literatura infantil. Iso ás veces pode crear certa desconfianza?

Si, eu creo que tes razón. Os poetas pensan que es narrador, non poeta. Os narradores que es poeta, non narrador. Os xornalistas que es narrador ou poeta, pero non xornalista, pero non acaban de situarte en ningún sitio, incluso para os críticos pode ser confuso. Pero para min é enriquecedor, porque me permite expresarme a través de distintas manifestacións que no fondo son a mesma: a literatura, e creo que a obra literaria dun autor debe ser valorada globalmente.

Ademais os meus libros están todos interconectados, nada é explicable sen o resto dos libros, vou tecendo unha especie de arañeira global, evidentemente, funcionan individualmente, o lector pode ler un só libro, pero a min me permite romper coas barreiras xenéricas e entendo que hoxe iso debe ser algo superado. Vivimos nun mundo fragmentario, confuso e a literatura vai acorde con iso. Pénsoo cando leo os autores do século XIX e atopo un narrador omnisciente. Iso hoxe non funciona porque non é crible. E igual cos xéneros, xa non son ríxidos, todo é cuestionable e todo é posible hoxe,  a literatura ten que asumir as formas do mundo tal e como é se quere interpretar o mundo actual. Para min o máis importante para o escritor é ter unha visión do mundo que ofrecer aos lectores.

E cales son os teus proxectos de cara ao futuro?

Se son sincero, eu, e o digo sen ningún tipo de alardeo, son moi caótico, e neste momento teño máis de 20 proxectos abertos, eu sempre teño 15, 20 ou 30 proxectos abertos, uns van máis rápidos, outros máis lentos e nunca sabes que sairá de cada cousa, pero neste momento teño xa rematados tres libros. Dous teñen editorial, o outro aínda non, e teño un cuarto moi moi avanzado, e logo a xigantesca carpeta dos proxectos para recuperar en calquera momento.

O que teño de saída máis inmediata e ‘Transición’, que é un libro de poemas que vai saír nunha editorial de Ourense que se chama Franouren, é un libro de poemas cun CD no que os recitamos María Alado e máis eu. Chámase ‘Transición’ porque é un poemario de busca de novas formas de expresión.

Teño outro que sairá no 2012 en Editora 2.0. un libro máis relacionado con ‘Ninguén’, cunha estrutura que responde a unha concepción dixital e que tamén está pensando en función da rede. É un libro de descreimento da poesía, e neste sentido será moi polémico.

O terceiro que teño rematado é de literatura infantil, e é moi diferente do que fixen anteriormente porque me interesa moito manter un toque de frescura (dentro do posible).

Mentres esperamos polos próximos proxectos de Fran Alonso, anímovos a ler (ou re-ler) ‘Ninguén’, que está editado por Xerais. Para ir abrindo o apetito, déixovos aquí un fragmento dun dos relatos do libro: “Vacacións”, lido polo propio autor.

* Fran Alonso tamén encheu a nosa disqueficha.

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *