3 tendas para atopar o agasallo perfecto en Vigo

Moitas son as ocasións nas que queremos regalar o agasallo perfecto (ou automercar a cousa estupenda que fará que o noso día mellore, nos nos imos enganar…) e para iso é preciso ter moi claro onde ir e que mercar. Vaia por diante que pensamos que un libro é sempre o autoagasallo definitivo e o regalo perfecto para dar a calquera, así que na vosa lista podedes sumar as vosas librarías de referencia. Para atopar agasallos máis ‘canónicos’ e máis orientados cara o deseño, seleccionamos tres tendas de regalos e cousas bonitas en Vigo. Por suposto, podedes sumar máis nomes nos comentarios.

Vaidhé

Carral, 7

Posiblemente considerada na redacción de Disquecool como “a tenda para regalos de Vigo” por excelencia. Nun espazo pequeno conseguen ter un pouco de todo —e sen dúbida todo o importante— para atopar ideas de agasallos para todo tipo de persoas. Ofrecen dende calcetíns a pezas de louza, pasando por cosmética, libros ou algunha que outra peza de roupa. Todo ten un deseño moi coidado (o que nos leva a pensar que fan un traballo estupendo de ‘curación’ do catálogo) que case serve de garantía de que vai ser un regalo dos bos.

Fiuch

López de Neira, 16

Podo dicir que é a tenda que mellor arrecende de Vigo? Venden uns perfumes para o fogar e estaban probándoos na visita que fixemos para ver a súa oferta. O resultado: un dez en aromas! (e si, para min é un elemento crucial e destacado). Son unha tenda de roupa (pero iso deberíamos deixalo para outro día) cunha zona de cousas para o fogar, complementos e agasallos. Deseño coidado e perfecto para acertar mercando para modernas (como nós, si).

Brutal Bazar

Carral, 19

A menos hipster-friendly do listado. Acaban de abrir e son unha desas tendas un pouco de todo que chegan a moitos públicos. Teñen un pouco de tenda gourmet, un pouco de agasallos variados e outro pouco de cousas para o fogar (que no meu cerebro se definen como estética post-Pórtico e creo que debería acuñar o termo). Se cadra a solución para atopar agasallos máis xenéricos en termos de a quen vou regalar. E si, máis perfecto para eses complicados amigos invisibles (ou para automercarse algo coa escusa de que é moi útil para a túa cociña).

Fotos | Disquecool

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *