Federico Ribas, o ilustrador mellor pagado dos anos 20

“Gana vostede máis que ningún debuxante español, non?”, pregunta Angel Lázaro, xornalista de Estampa, a finais dos anos 20, a Federico Ribas. Lázaro fora visitar ao seu estudio na madrileña zona de Moncloa, posiblemente na rúa Andrés Mellado, que aparece mencionada noutro artigo deses anos, o ilustrador. Ribas respondeu dun xeito difuso. “Non sei, non sei… Dende logo, non podo queixarme”.

Federico Ribas, protagonista nos anos 20 e 30 de exposicións, mostras e mencións en prensa, era un dos ilustradores de moda do momento, un deses debuxantes que creaba as imaxes de homes e, sobre todo, mulleres modernas que aparecían nos anuncios, nos carteis ou nas cubertas dos libros e nas portadas das revistas do momento. Era unha estrela da industria publicitaria, o suficientemente destacada como para que en setembro de 1928 o concello de Vigo, como recollía a prensa da época, o declarase fillo predilecto da cidade (onde nacera a finais do século XIX) e decidise dedicarlle unha rúa (rúa que xa non existe, polo menos non se pode atopar en Google Maps). “Este famoso ilustrador é, ante todo, por todo e sobre todo un gran debuxante, un excepcional debuxante”, sentenciaban nunha crónica da prensa do momento na que repasaban aos artistas destacados da época, cando falaban de Ribas.

Ribas é o protagonista do Día da Ilustración 2019, que organiza a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e que protagonizaron Álvaro Cebreiro e  Camilo Díaz Baliño nas anteriores edicións. “O protagonista de 2019 é o vigués Federico Ribas, grande innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó”, explicaban na nota de prensa de presentación da xornada, que busca “lembrar e reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural”.

Moi relacionado co día, unha xornada especial en Santiago no marco da MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea) recuperará a figura de Ribas, como tamén o fai unha exposición na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura (que estará aberta ata o próximo 7 de marzo). A mostra permite descubrir “algunhas das obras máis singulares do ilustrador, debuxante e publicista”.

A carreira de Ribas arrancou en Bos Aires, a onde chegou en busca de aventuras. El mesmo explícao na entrevista que publicaba Estampa a finais dos anos 20. Cando tiña 19, marchou para Arxentina. “Embarquei no meu pobo, en Vigo. Un embarque cun pouco de aventura”, sinalaba o artista ao xornalista. Dado que no porto de Vigo se controlaba que non marcharan mozos en idade militar (eran os anos, non esquezamos, das guerras en Marrocos), Ribas tivo que coller o barco cando a travesía comezara. Polo que conta, sen embargo, parece algo moi preparado, algo que facían dun xeito recorrente na industria das viaxes transatlánticas.

O futuro ilustrador fixo a viaxe en terceira, como facían os inmigrantes galegos, e explica e unha vez que cando chegou a Bos Aires tivo que encadear unha serie de traballos para os que non tiñan moita preparación.  Así, traballa de decorador, en imprentas ou en obradoiros de gravado ata que pasou a un xornal e comeza a debuxar. “A vida comezou a sorrirme”, recoñece na entrevista. Marcha a París “con miles de francos no peto”, vive unha boa vida na cidade da luz e aprende das novas modas e tendencias en debuxo e ilustración.

De París chegou a Madrid cando estoupou a Primeira Guerra Mundial e comezou unha carreira chea de éxitos. Da capital francesa chegara cunha esposa, “Georgina, parisiense de pura cepa”, e tamén cuns coñecementos e aires art deco. É o que usou nas súas ilustracións para diferentes marcas e empresas para as que fai publicidade de todo tipo, pero tamén ilustra libros, crea cubertas para as novelas de moda ou forma parte dos ilustradores que publican nas revistas do momento. Gaña concursos de carteis e expón en Madrid durante os anos 20, como mostran as novas dos xornais do momento que se poden ler na Hemeroteca Digital da Biblioteca Nacional de España.

Nesa cidade é onde vive de forma principal, a pesar de que non lle guste moito. “Non me gusta Madrid. Pero non son nin moito menos un insociable. Paseo moito. Teño bastantes amizades”, recoñece nunha entrevista en La Unión Ilustrada en abril de 1929. “Debuxa moito?”, pregunta o xornalista. “Moito”, recoñece Ribas. O que máis lle gusta despois de debuxar é perderse co seu “auto” “estrada adiante” fóra de Madrid. Nesas excursión vai acompañado “pola súa irmá Paulina … ou pola miña esposa”.

“Federico Ribas aparécenos así: un chaleco de punto, unha cara redonda, un corpo nin alto nin baixo, nin groso nin fraco, e un sorriso de felicidade”, apuntaba o xornalista de Estampa, a quen lle chama a atención que aínda se lle note o acento galego. Traballaba nun estudio simple “sobrio, escueto”.

Alí era onde creaba as súas imaxes modernas, da era das jazz-bands e do comezo do consumo moderno, un tipo de arte frívolo que posiblemente non axudou a que pasase á (gran) historia (ou simplemente aconteceu que, como con tantas outras cousas modernas de principios do século XX o que veu despois acabou barrendo con elas). Hoxe Ribas é moito menos recordado —polo menos dun xeito popular— que o seu contemporáneo Rafael de Penagos, aínda que na prensa do momento nunha crónica aparecía xunto a Penagos e Salvador Bartolozzi como os tres ilustradores clave.

O comezo da Guerra Civil colleu a Ribas en Bueu, o lugar no que pasaba os veráns e dende onde marchou ao exilio, de volta a Arxentina. Volvería a España pouco antes de morrer, en 1952, e seguiría debuxando ata o final.

Imaxes | Prensa da época, Hemeroteca Digital, BNE

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *