Drinkworks, unha Nespresso para facer cócteles

Confeso que teño unha relación un tanto complicada coa Nespresso. O proceso de facer café paréceme un pouco unha trapallada pero, por outra banda, nas veces nas que tiven que me cruzar cunha (nun traballo tiñan unha para os empregados: era o toque ‘queremos ser cool’) recoñecín que facía as cousas moito máis sinxelas. Metías a cápsula, premías un botón e maxia! Iso si, tampouco é que a miña cafeteira italiana de toda a vida implique moita complicación. Pero… que pasaría se a Nespresso en vez de facer café fixese outra cousa?

Iso é o que fai a Drinkworks. É como unha Nespresso pero non para facer cafés: fai cócteles!

Detrás ten a Anheuser-Busch InBev e Keurig Dr Pepper, como explicaban na newsletter do The Wall Street Journal que ma descubriu. Pequena explicación business: Keurig é a marca de cafeteiras de cápsula líder en Estados Unidos. Aparecía no 70% das novelas contemporáneas bestseller que lin nos últimos meses, nas que todo o mundo precisaba enchufar a súa Keurig antes de comezar o día. Nespresso é a máis coñecida en Europa e a que ten a maior cota de mercado neste lado do Atlántico, pero non acontece o mesmo do outro (alá Nespresso ten cota de mercado mínima).

Volvendo ao interesante, a máquina para cócteles, o seu funcionamento vai ser moi similar ao das máquinas que fan café. Cada unha das cápsulas é un sabor de cóctel (e un chute de alcol). A máquina engade a auga e as burbullas á bebida, pero son os usuarios os que teñen que dar o toque final como por exemplo o de engadir xeo. Entre as bebidas que se poderán facer están mojitos, mai tais, gin tonics, old fashioned ou sidra e cervexa de tres marcas (estadounidenses, claro).

Cada unha das cápsulas inclúe un código de barras, que a máquina le antes de facer a bebida para saber que receita ten que aplicar e como debe engadir auga e os outros elementos dun xeito exacto.

A máquina, que sairá en Estados Unidos, custará 399 dólares (polo momento sae por 299 dólares, pero só na cidade na que a compañía está facendo o lanzamento piloto). Demasiado caro para algo que podes facer ti mesma xa por moitos menos cartos? Os responsables da Drinkworks pensan que chegará a aqueles consumidores que “entreteñen” moito na casa e que queren poder ofrecer aos invitados moitas máis variedades de bebidas dun xeito máis sinxelo (e, por suposto, queren chegar a un mercado que bebe cada vez menos cervexa).

“Podes ter un cóctel nunha lata, pero non é a mesma experiencias, explica a máxima responsable de marketing do produto, Val Toothman, a Business Insider. “Os cócteles… son unha cultura. É unha experiencia. Queres algo feito a man e fresco”, engade.

Fotos | Drinkworks

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *