Non son o seu mercado obxectivo. Pode que vós tampouco o sexades (si, os millennials xa non somos a rapazada, gardemos un minuto de silencio por ese drama). De todos os xeitos, pouco importa, porque en espírito si o somos e porque nada de todo isto existiría se non fose por nós (millennials) e a nosa paixón pola nostalxia. O outro día tropecei en Santiago cun bar de cereais!!
O primeiro bar de cereais (deixádeme que me poña wikipédica) abriu en Londres hai uns anos. Foi o invento dun hipster, que viu na tendencia á nostalxia dos millennials un filón para conectar con eles. O bar só servía cereais e só tiña nas súas teles series da infancia dos seus consumidores. A partir de aí, a idea viviu un boom. Aos hipsters sumáronselles as franquicias (que xa están aparecendo), a presenza global e os listicles de «as máis cool cafeterías de cereais que podes atopar no mundo».
O bar de cereais de Santiago non é tan hipster-hipster como o que visitei hai uns anos en Lisboa (sentín entón que era unha millennial de libro e que podería aparecer en calquera artigo sobre millennials-que-matan-cousas) e como o que posiblemente ten o que descubrín grazas a Google que hai na Coruña. O de Santiago ten un certo toque máis de andar por casa, que é o que fai que de entrada eu xa o ame máis.
É o que dá que sexa un sitio con happy hour e alcol, pero tamén con cereais, zumes de froitas (delicioso o que eu tomei) e almorzos ata as dúas da tarde polo que lin na súa carta (e aquí permitídeme unha pausa para poñerme en pé e aplaudir con entusiasmo). Tamén teñen batidos (de Pantera Rosa, Chiquilón ou Oreo) e cócteles variados.
Polo que respecta aos cereais, podes tomalos durante todo o día e teñen (como é o habitual neste tipo de lugares) unha carta ampla de cereais diversos, con algúns de importación, que se poder mesturar con leite ou batido e con toppings.
O seu eclectismo é o que fai que eu o vexa con bos ollos e polo que vos digo que tedes que ir, aínda que coa vosa entrada a media de idade do local vaia caer notablemente*. Cando eu estiven alí, o público estaba formado por estudantes da universidade (cando os universitarios comezaron a semellar tan teenagers, meu deus? #señora).
De feito, o local no que está este bar de cereais ocupa unha desas clásicas cafeterías para estudantes nas que entras nos anos de universidade e nas que pensas despois que non vas volver a entrar máis, ata que alguén che di que dan cereais (o voso caso) ou ata que alguén ve que chove e quere con desesperación un zume natural (o meu).
Sexa como sexa, a idea dun bar de cereais en Santiago parécenos perfecta. Dado que consideramos que a hora da merenda é a comida máis importante do día, podedes comprender por que este descubrimento nos emociona.
– O bar de cereais chámase Cangaceiro e está na Rúa Nova de Abaixo, 17. Tamén teñen un bar en Cangas, pero non sabemos se alí tamén dan cereais a todas as horas.
*Vía Google Analytics podo perfilar que a media da idade dos lectores de Disquecool anda pola trintena, como o da redacción, así que non sodes o perfil universitario-santiagués típico. Isto non quere dicir que non teñamos lectores de máis ou menos idade! Existides e querémosvos igualmente (e é posible que algúns de vós encaixedes co nicho de mercado de usuarios que estaba aquel día no bar. Eu tamén encaixaba, pero só en espírito).