Profesións do século XXI: este hotel ofrece nanny para Instagram

Pode que hai uns anos ser bloguer ou community manager fose xa máis suficiente para ser máis ou menos cool e moderno. Si, era o tempo na que a xente moderna era toda blogueira. Ou algo así. Agora, anos despois, todos eses perfís están un tanto demodé. Non é que xa non sexan precisos os community managers ou os blogueiros (que o son), é que son xa demasiado comúns. Pasoulles o que lle aconteceu ao 2.0, que quedou rapidamente na lista das cousas que xa non eran novidosas.

As novas profesións das redes sociais son novidosas, estrañas, sorprendentes e, ás veces, desas que che fan sentir un pouco mal por pensar que son algo delirante (porque che fan pensar se non te estarás convertendo nunha señora que mira con malos ollos todo o que cheira a moderno…). É o que acontece coa nova incorporación ao listado de traballos do século XXI do universo dos social media, a nanny para Instagram.

O nome exacto da nova profesión é o de “Instagram-Sitter” e os inventores foron os responsables da cadea de hoteis Ibis. Ibis lanzou este mes nos seus hoteis en Xenebra e Zúrich o servizo Relax we post, que deixa en mans dun influencer de Instagram a actividade na conta durante os tempo contratado. É dicir, ti pagas (a partir de 90 francos suízos por persoa con noite de hotel, almorzo e Instagram-sitter, algo así como 80 euros) e un influencer é o que se encarga de subir a Instagram as fotos perfectas das túas vacacións.

Os responsables da cadea de hoteis falan na nota de prensa de presentación dun servizo “absolutamente único” e que con iso ofrecen una “experiencia memorable aos clientes”. Os influencers contratados (coñecidos en Suíza) subirán stories, fotos e vídeos, todo iso si cun hashtag que identifica que foron o traballo do Instagram-sitter (#postedbysocialmediasitter, como descubriron en Quartz lendo na letra pequena). Antes de comezar o tempo do encargo, o cliente pode dar algunhas recomendacións sobre o que máis ou menos quere ou espera. Así, o Instagram-sitter saberá que expectativas ten o seu cliente.

E mesmo se todo é un truco da cadea de hoteis para ser viral (o servizo de Instagram-sitter terá unha vida limitada) a súa existencia é unha mostra clara de como as redes sociais están en todas partes e de como están a cambiar todas as cousas. Porque poda que isto sexa algo limitado e non moi serio, pero o que si é absolutamente real e completamente en serio é que algúns hoteis xa están deseñando os seus espazos para que sexan más instangramables e que algunhas empresas xa pensan en como quedarán nas fotos en Instagram os produtos que lanzan ao mercado antes de poñer nada á venta.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *