Forest: árbores contra a procrastinación

«A vida antes de internet», dicía James Rhodes o outro día en Vigo entre suspiros tras presentar a segunda peza da noite escrita por un adolescente. Primeiro, Chopin; despois, Rachmaninov. «Que fixestes vós hoxe?»

Forest app: árbores contra a procrastinación

 

Se de verdade levásemos un rexistro do tempo que perdemos en scrolls infinitos en Twitter, Instagram e cada vez menos Facebook, se YouTube enviase mails mensuais dicindo as horas que pasamos vendo vídeos, igual sería máis fácil decatarse e fuxir do smartphone cando vemos que está empezando a chupar a nosa alma e enerxía coma se fose un dementor máis. Pero como todas esas redes viven do noso tempo, non o fan. Conectamos xente, di Mark, non roubamos vidas.

Mentres escribo isto non entro en Facebook nin Twitter nin Instagram nin YouTube porque sei que se o fago matarei á árbore dixital que está a crecer nunha extensión do meu navegador. Tampouco miro o móbil, porque aí teño outra árbore que só necesita para medrar que eu non mire ningunha app en 30 minutos. Que parece pouco porque é pouco, pero sei tamén que sen este ou outro truco tería algunha pestana aberta coas redes ou desbloquearía o smartphone para ver se hai algo novo (non). Miro o contador pinchando sobre a pequena árbore que hai na esquina superior dereita da pantalla. Faltan aínda 19 minutos.

Forest app: árbores contra a procrastinación

O que teño instalado no smartphone e en Chrome é Forest – Stay Focused, unha app que quere axudarnos a nos concentrar no traballo ou o que sexa que teñamos que facer eliminando a tentación. Ou, máis ben, facendo que as consecuencias por caer na tentación sexan peores que a gratificación instantánea dunha ollada a Twitter: unha nova árbore estaba a piques de unirse ao teu bosque, pero como non podes estar nin 30 minutos desconectado, agora está pero morta!

Esta pequena parvada xa funciona —tendo en conta as cousas que se facían no seu día por FarmVille e compañía, sabemos que podemos darlle unha gran importancia a cousas como bosques dixitais—, pero hai algo máis que fai que a app e o incentivo melloren moito: con cada árbore completada gañas tamén unhas moedas (dixitais), que podes usar ou para mercar novas especies e darlle variedade ao teu bosque de mentira ou para que os responsables da app planten árbores de verdade.

Forest app: árbores contra a procrastinación

Fano a través da ONG Trees for the Future, que traballa con familias de granxeiros en Senegal, Camerún, Kenya, Tanzania e Uganda en temas de reforestación e formación en cultivos.

A app é limpa e bonita, e podes escoller canto tempo queres concentrarte. Se accedes a ela mentres está o contador en marcha, verás a árbore, cada vez máis grande, e mensaxes tipo «non me mires», «concéntrate» ou «volve ao traballo». Se intentas saír da app, aparece unha mensaxe avisando de que se o fas matarás a túa arboriña. Se es cruel e dis que si, que queres saír, a árbore murchará e morrerá e aparecerá así, triste e sen follas, no teu bosque. Se tes corazón, non quereras que algo así pase.

No que me levou escribir isto, engadín un novo piñeiro ao meu bosque (e outro morto porque por vós fixen a proba para ver que pasa se rompes as regras do xogo). Espero non tardar moito en empezar a plantar árbores reais.

Fotos: Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *