Como todos os anos, Pantone tamén escolleu unha cor para este ano que acabamos de estrear. A seleccionada é o Pantone 19-4052 Classic Blue, unha cor azul que poderíamos definir como basicamente clásica.
Un azul escuro de toda a vida, vaia.
Pantone sinala que é unha tonalidade que transmite “calma, confianza e conexión” e que “resalta o noso desexo de consolidar unhas bases fiables e estables sobre as que edificar o noso camiño cara unha nova era”.
Todo soa un pouco a trapallada, certo, pero a cor do ano de Pantone ten unha certa base científica. Aínda que a describiron como quen fai unha descrición dun horóscopo, a selección da tonalidade destacada do ano está baseada en estudos de tendencias de mercado e de presenza de cores en produtos, deseños e previsións (por exemplo, as cores que dominan nas pasarelas de moda) e tamén en análises sobre a sociedade e as súas preocupacións e intereses.
Por exemplo, as tonalidades que Pantone foi seleccionando durante a última década dicían moito de como se estaba percibindo a crise e de como nos sentiamos en relación a ela.
A tonalidade do ano pasado funcionaba como unha sorte de punto final para a tensión da crise: era unha cor animada que transmitía que a xente xa non estaba tan preocupada pola crise económica.
A cor deste ano, sen embargo, é unha desas ás que se lle atribúe que xera “sensación de paz e de tranquilidade”. “Vivimos nunha época que esixe confianza e fe”, asegura Leatrice Eiseman, a directora executiva do Pantone Color Institute.
Nun mundo desquiciado, buscamos cores que nos axuden a ter un momento de pausa. E aí é onde entra o Classic Blue, “un azul reflexivo que fomenta a resiliencia” (ou iso din desde Pantone).
E, aínda que hai quen pensa que Pantone xogou demasiado sobre seguro na súa elección (outros analistas lanzaron proxeccións centradas noutras tonalidades, aínda que ningunha ten o eco mediático que as de Pantone logran), nos próximos meses o azul clásico estará por todas partes e en todo tipo de produtos. Será a cor de moda e ubicua.
Fotos | Essential Home, Circu