A última vez que estiven en Porto chamoume a atención, paseando por unha rúa calquera, unha intervención nunha parede. Nunha das zonas nas que desapareceran parte dos azulexos nunha fachada, alguén pegara uns de “reposto” que incluían un texto literario. Parei ler, fixen a xa esperable foto e tomei nota mental de buscar na rede que era aquela iniciativa. Non o fixen, ata que tropecei, outra vez por casualidade, en Instragram outra vez cunha imaxe daqueles azulexos de reposto.
E entón si xa me lancei á investigar sobre os azulexos. Son unha iniciativa de street art chamada Preencher Vazios e teñen detrás a Joana Abreu, que, como explica na súa páxina en Facebook, comezou a posicionar os seus azulexos con mensaxes por Porto para sensibilizar sobre a preservación da azulexaría tradicional. As fachadas de azulexos son unha icona portuguesa e son xa patrimonio polo país veciño. “Este proxecto pretende chamar a atención sobre estes pequenos detalles que nos rodean cada día e sorprender aos transeúntes con algo que non estaban acostumados a ver”, suma na descrición do proxecto.
View this post on Instagram
Abreu tivo a idea cando estudaba Artes e Deseño para o espazo público na Facultade de Belas Artes do Porto, cando observaba as fachadas dos edificios da cidade desde o transporte público e se fixaba nos espazos baleiros que ían quedando nalgunhas fachadas. Os seus azulexos recollen a tradición do deseño de sempre, engadindo cores rechamantes e citas de escritores portugueses.
A idea naceu en Porto, pero desde esa cidade foise ampliando a máis espazos por todo Portugal. Tamén se poden atopar intervencións con azulexos en Lisboa, por exemplo (a artista ten unha conta en Instagram na que vai subindo imaxes das intervencións).