As mulleres do mar, foto a foto

Nos últimos anos, varias foron as iniciativas que comezaron a recuperar a memoria das mulleres, especialmente aquela memoria vinculada a terreos nos que a súa (nosa) presenza quedara máis desdebuxada. Un deses espazos é o mundo profesional, no que a idea xeral que todos acabamos aprendendo nun momento ou noutro é que as mulleres “non estaban”.

En realidade, si o facían. Ás veces dise que as mulleres non comezaron a traballar ata o século XX, o que é – directamente – unha trapallada. Porque si, pode que as mulleres non comezaran a estudar, poñamos por caso, Medicina ata finais do século XIX, pero iso non quere dicir que non houbera outras profesións (menos glamurosas e máis ‘populares’) que non estiveran desempeñando. Entre eses traballos, estaban unhas cantas profesións do mar.

Elaborando carne de balea Massó 1965

A mostra O mar tamén ten mulleres,  promovida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Vigo – A Guarda (GALP 7), reivindica ese papel das mulleres como profesionais da industria mariñeira, profesionais que son hoxe e profesionais que foron durante décadas. As mulleres traballan ou traballaron durante moitísimo tempo nas conserveiras, como redeiras, facendo descargas ou como concheiras.

Traballadoras de Massó na baleeira 1960

Redeiras reparando aparello na praia do Señal directamente do barco. Anos 70

Mesa de descunchado do mexillón no cocedeiro de Celso Carballo 1974

A exposición recupera fotografías de arquivos e coleccións persoais que capturan esas mulleres do mar no desempeño da súa profesión.  De todas as imaxes recibidas e localizadas (unhas 150) seleccionaron 30,  que son as que forman parte da instalación e as que foron incluídas nun catálogo.

As imaxes deixan claro o peso que as mulleres tiveron como profesionais na industria. Como explicaba na presentación da mostra Silvia Crespo, a patrona maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda, as imaxes “constitúen unha crónica da vida nas comunidades pesqueiras ao longo do século XX e axúdannos a contar a historia completa, incluíndo a de aquelas que realizaron labores non remuneradas e que compaxinaron o coidado das familias co mantemento dos aparellos de pesca ou o restrelo dos areais”.

Massó mesa de enlatado continuo 1970

Redeiras en Cangas, anos 60

A Guarda foi a pasada fin de semana a primeira parada da mostra, que puido ser visitada entre o 11 e o 14 de xullo, pero os organizadores sinalan que é un proxecto itinerante e que chegará a outros lugares do GALP (que abrangue as rías de Vigo e de Baiona).

Shares

10 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *