Festival do Norte 2011: 9 razóns para non faltar

Festival do NorteO Festival do Norte é unha desas citas que nos gusta apuntar na nosa axenda. É sempre unha promesa de moita e boa música en directo a bo prezo e é tamén (na mente de quen escribe, polo menos) a inauguración do case verán, da case praia, do case bo tempo. O Festival do Norte é sempre o primeiro de moitos festivais e se cadra por iso o entusiasmo é sempre algo máis elevado. Hoxe e mañá os trens cara Vilagarcía de Arousa irán de súpeto cheos de modernos que xa saben por que deben ir. Se ti es dos que aínda dubida por iso da choiva, aquí tes 9 razóns polas que non debes faltar:

9. É o décimo aniversario do festival. Podes xogar a lembrar como eras hai dez anos e tratar de adiviñar quen tocou naquela primeira edición do 2000 (se non estiveches, se non non vale). Podes contárnolo.

8. Homenaxe a Joy Division. Se es fan da banda de Ian Curtis, esta será a túa edición preferida do Festival do Norte: non só pola presenza de Peter Hook ou polo pase da película ‘Control’, senón tamén porque moitos dos grupos en cartel teñen (de forma clara) ao grupo entre as súas influencias.

7. Joe Crepúsculo. Non é un reclamo tan só para os seus fans. Se a razón nº 9 non te convence porque, admíteo, Joy Division non che gustan e nunca entendiches o porqué da súa fama, Joe Crepúsculo caerache ben. Por que? Por isto.

6. O cartel nacional. Parece unha parvada, pero este ano o cartel nacional é, na nosa opinión, mellor ca o internacional. Nadadora, Pony Bravo (somos moi fans!), McEnroe… (falaremos máis disto en futuras razóns).

5. Delafé y Las Flores Azules. Un concerto máis que sumar a esa lista que fará que poidas dicir que tes visto a un mesmo grupo dez veces en tan só un ano. Posto disputado tan só se cadra con Love of Lesbian. Poderás comentar que cando eran Facto molaban máis e todas esas cousas (supoñendo, claro, que os teus amigos sexan desa rara especie que aínda nunca os viu en directo). Pero que si, que transmiten boas vibracións.

4. O prezo. Importa, sempre importa, e máis agora que estamos en crise. O Festival do Norte non só é asumible (45 euros os dous días se aínda compras o abono hoxe ao chegar ao festival), senón que ir ata Vilagarcía posiblemente sexa máis barato que chegar a Benicassim.

3. Os grupos galegos. Antes destacamos o cartel nacional, agora destacamos o galego. Temos desde os consagrados como Nadadora ou Triángulo de Amor Bizarro, ata os menos coñecidos como Franc3s, Diadermin, ou SraSrSra. Seguro que descobres algo novo.

2. A choiva. Si, si, a choiva ten mala fama e é unha das cousas que temos todos na cabeza cando nos preguntamos se ir ou non ao festival. Pénsao así: se chove moito poderás sentir que estás en Glastonbury nalgún deses anos nos que o chan se converteu en lama. Nas fotos a xente non parece estar a pasalo mal.

1. Pony Bravo. Para que negalo? Pony Bravo son unha das propostas máis orixinais e interesantes que hai no panorama indie español agora mesmo. Como se The Doors vivisen en Sevilla. Volver aos 70 pero sen quedar alí de todo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará