4 consellos para ver un concerto

Escribir isto esperta en min sentimentos contradictorios. Por unha banda, síntome apenado por ter que vir aquí, en pleno 2015, a dicir como hai que ver un concerto; xa somos todos maiorciños… pero polo que se ve non sabemos actuar como tal. Por outra banda, a rabia fai que as letras vaian casi soas, polo que estas instrucións van cargadas de rabia. Collede papel e lapis, porque ou aprendes isto ou volo gravo a ferro na pel!

1. Deixa de facer vídeos

A ninguén lle interesan, de verdade, a ninguén. Deixa de gravar cada 2 minutos de canción e envialos aos chats de grupo. A ninguén lle interesa. O teu móbil é, con sorte, unha pataca de Coristanco ao carón das cámaras que están a realizar o concerto e xa é complicado abondo gravar con cámaras profesionais como para intentalo cun móbil. Non vas conseguir enfocar ao artista de turno desde 50 metros atrás, a escuras, con centos de persoas diante e con moitísimos cambios de luz. Asúmeo: os teus vídeos van dar noxo, así que deixa de gravalos.

Vale, quizais queres ter un recordo do concerto, queres poder ensinarlle a ese colega cando cantou o temazo mítico. Son 2 minutos dun concerto que dura máis de unha hora, non obrigues aos que estén detrás de ti a cagarse na túa estampa por estar como Moisés cando baixou cos mandamentos porque algún vai desexar que che caia o teléfono no litro de cervexa que levan. Non o fagas porque alguén vaino facer algún día: a min ganas non me faltan.

2. Vale, que queres gravar/sacar fotos. Desactiva o flash!

Non, non é a LAPD buscando delicuentes en medio do concerto, é o pánfilo de turno intentando sacar unha foto imposible. Nos axustes de cámara do teu móbil tes varias opcións de flash: quítao, desactívao. Calquera fotógrafo pódeche dicir que o flash só se debe empregar cando sexa obrigatorio, así que failles caso. Ademais, realmente cres que o teu móbil ten suficiente potencia como para iluminar un recinto enteiro? Imaxínao así, pensa en conducir un coche pola noite mentres iluminas a estrada cunha lanterna. Pois iso é o que pareces cando usas o flash nun concerto: parvo. Ademais, sinceramente, a foto quedará mellor se a sacas sen flash porque igual consegues enfocar outra cousa que a nuca do que teñas diante.

3. Baila!

Non o digo eu, dino Calle 13: “El suelo se sabe todas las canciones”. Salta, baila, móvete! E se estás vendo un concerto íntimo, move os pés. Desfrútao, pero por dios, non sexas o típico moderno que se queda mesando a barba mentres pensa que “ese ampli Orange dálle un toque Motown”. Todo está permitido, así que aproveita que non existen leis e móvete como che pete ao ritmo que che pete. Un concerto do que saias sen manchas de cervexa na camiseta por bailar e beber á vez é un concerto fracasado.

4. En serio? Pagas 50 euros por unha entrada para estar no Whatsapp?

Probablemente a definición de estupidez e postureo máximo. “Ei, viches cando o guitarrista subiu a unha cabra ao escenario?”, “Non, estaba twitteando: #concert #freetime #beer #friends #smile”. Os concertos pódense experimentar de todas as formas: cos ollos, cos pés bailando, cos beizos bicando e incluso cos dedos twitteando. Pero de verdade precisas twittear cada cousa que pasa? Quen pensas que es? Disquecool? Para iso xa estamos os que imos ao festivais a contar o que acontece, non sexas un intruso laboral e fai o que che cadre: pero déixanos as crónicas a nós. O día de mañá non vas lembrar os hashtags que usaches cando fuches a aquel festi, pero nunca vas esquecer meterte nun pogo, bailar unha conga ou saltar xunto con cen persoas máis ao ritmo da música.

Shares

1 comentario

  • Xurxo di:

    Ola Brais, como vai?!
    Agás o punto 3 eu titularía o teu artigo “Como tocar o carallo aos que queremos disfrutar dun bolo” e abofé que non podo mais que afirmarme nas túas instruccións. Non estás só, somos recua !!!!!
    Non creo que fale por min soamente pero os que amamos a música, e sobre todo a música en directo, e levamos moitos anos disfrutando dela, ESTAMOS ATA OS COLLÓNS desta puta xente que ven ós concertos a tocar o carallo cos putos móbiles, os juasás, os tuiter e a cona que os botou. Por favor, por favor…quedarvos fóra da sala, festival ou o que sexa e vos quitades fotos uns aos outros coas vosas camisetas dos Ramones e as retuiteades as juasapeades ou o que vos sala do carallo pero deixarnos disfrutar desa experiencia abraiante que é a música en vivo.
    É mais, prefiro as cotorras que van dar a chapa a falar de costas ó escenario que os mamarrachos dos móbiles.
    Como boto de menos eses concertos dos 90 ou incluso principios dos 2000 cando a xente ía os concertos ó que hai que ir, A DISFRUTAR DA MÚSICA !!!!

    Deica, un saúdo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *