Pasada a proba do venres, os deuses decidiron recompensar á organización do Festival Sinsal e a todos os seus asistentes cun día deses tan perfectos que é difícil non crer que o soñamos. O sábado todo era ceo azul e un bonito sol sen nubes próximas ou ameazantes. O cartel digamos que xa o sospeitabamos, pero non podíamos estar seguros de nada ata chegar á illa e velo confirmado de forma oficial. O pequeno peso, o medo a que non fose certo, desapareceu. Era o que xa sabiamos: Owen Pallett estaría na illa (algúns xa o viran paseando o día anterior, pero non foi o meu caso!).
Claro que el non era o único e tampouco foi o primeiro. Os primeiros foron Champs, un grupo inglés liderado por dous irmáns que abriu a xornada e abriu a maxia. Coas súas voces en harmonías perfectas e con eses temas que deberían soar automáticamente cada vez que alguén busca “pop” en Google, Champs namoraron e fixeron que algúns empezasen xa a balancearse un pouco con ganas de bailar. Axudou que eles estaban claramente felices, admitindo que posiblemente estivesen no lugar máis bonito no que tocaran nunca. Non foron os últimos en dicir algo así.
Despois de Champs non tivemos que movernos de San Antón, onde o sol empezaba a pegar xa forte. Era o momento máxico e o máis esperado por moitos (por min!), era o momento de Owen Pallett e do seu violín, que saíu antes xa el mismo a afinar e probar mentres os máis fans do público miraban para el e se preguntaban se debían ir a saudar e declararlle o seu amor. Non o fixeron (esta conversa aconteceu moi preto de min) e Owen empezou a tocar o seu violín, a gravarse, a cantar, a deixar a todo o mundo pensando que pasaran ao universo dos soños. Escoitar temas de ‘In Conflict’ en directo nun lugar como San Simón é algo que todos deberíamos facer alomenos unha vez na vida.
Despois de Owen había un pouco de tempo para volver á realidade e para darlle algo sólido aos nosos estómagos, algo que fixemos antes de dirixirnos rápidamente ao escenario Estrella Galicia para ver que ofrecían os que quizais foron a gran sorpresa do día, os tailandeses The Paradise Bangkok Molam International Band. Que dicir deles máis que que lograron que un público que ao principio estaba refuxiado nos recunchos á sombra, asustado do sol que caía sen piedade sobre toda a herba da esplanada do concerto, decidise saír a bailar a pesar da calor que a esas horas era bastante abafante? Con instrumentos tradicionais (e non tan tradicionais), déronse á psicodelia mesturada con ritmos folclóricos e bases dub máis bailable e deixaron á xente exhausta e feliz. Lograron ata un aplauso varios minutos despois de rematar, cando marcharon cos seus instrumentos entre a xente, xa a outra cousa, facendo reverencias.
All We Are, tamén no escenario Estrella Galicia, eran os únicos sobre os que ninguén podía ter dúbidas: uns días antes do festival escapóuselles e publicaron a data na súa web. Confirmados! Vestidos de negro e cheos de enerxía, non lles costou nada facer bailar a un público que xa lle perdera o medo ao sol e que xa tivera bastante de ver concertos tirados no céspede (os cansos observabamos desde o muro). Pop bailable e facilón, moito falsete e bo rollo, All We Are encaixaron á perfección.
Cambiamos de novo de illa para asistir a un dos espectáculos do día: Deerhoof foron unha loucura desas nas que hai que estar no medio para desfrutala. Coma un día de mar bravío no que se quedas moi preto da area as ondas só golpean e molestan, se te deixabas levar, se te sumerxías no que estaba a pasar no escenario e nos sons (“disque quizais algo ruidosos”, aseguraría Greg Saunier, o batería da banda, nun hilarante discurso contra a violencia, pistola de auga en man, no que tamén dixo que era o lugar máis fermoso no que tocaran en 21 anos), se te abandonabas a cousa era sinxelamente fantástica. Bailar sen parar, intentar imitar as coreografías aeróbicas de Satomi Matsuzaki, rir de forma un pouco histérica cando desde o fondo alguén gritaba “para o manicomio!”. Porque deberían ir eles, si, pero tamén todos os que estabamos a desfrutar do momento máis raro do festival.
De Deerhoof en San Antón aos chilenos Astro no escenario Estrella Galicia. O cambio era xa a estas alturas fácil. Queríamos seguir bailando e houbo tropicalismo e ritmos perfectos para seguir a movernos sen parar. Ninguén quería marchar, o que quedou bastante claro coa “última canción” que cambiaba de forma de xeito bastante sospeitoso. Os que quedamos ata o último barco vimos ao sol esconderse e bailamos ata que apagaron a música para indicarnos que ou marchabamos agora ou nunca.
Ata o ano que vén, microparaíso sinsaleiro.