Cando chegamos á illa de San Simón non sabiamos que houbera problemas. Escoitáramos a choiva pola noite e pola mañá, pero como xa escampara e todas as previsións dicían que xa non chovería máis (o ceo por momentos parecía estar a piques de cargarse toda previsión meteorolóxica) ficamos tranquilos. Non sabíamos que na organización aínda non tiñan claro que os concertos puidesen realizarse e tampouco nos enteramos de que houbera un problema extra, que un dos grupos do cartel que acababamos de ver, Islam Chipsy, non puidera saír de Exipto e cancelaran a noite anterior. Estudamos o cartel (Michael Rother! Maika Makovski! Islam Chipsy! Jolie Holland!), exploramos a illa e cando chegou a hora dirixímonos ao escenario Estrella Galicia para ver ao ex de Kraftwerk. O escenario estaba a medio montar.
Seguiron varios minutos de confusión e pequeno caos, nos que non sabiamos se ese escenario era o que estaba indicado no mapa, nos que preguntamos a outros asistentes e todos estaban igual de confundidos. Ao final escoitamos a música saír dun escenario improvisado que viramos ao chegar á illa. Alí estaban Sen Senra e o seu grupo, chegados desde Vigo para encher o oco dese cuarto grupo que cancelara, e que conseguiron que deixásemos atrás a confusión cos seus ritmos californianos. Atopáramos o primeiro concerto! Todo iría ben!
Tras outros minutos de dúbida (cara onde ir agora?) e tras pasar de novo polo escenario Estrella Galicia a ver se o señor Rother andaba xa por alí, avisáronnos de que tocaba ir cara a illa de San Antón. Teríamos antes a Maika Makovski, despois seguido a Jolie Holland, e por último Michael Rother. Por suposto, non nos fiabamos de todo ata que, no canto de Maika, quen subiron ao escenario antes foron Xulio Gómez e Luis Campos, os señores xefes de Sinsal, para explicar as cousas, un detalle que todos agradecemos con aplausos. Esquecer o lío anterior foi sinxelo, xa só podíamos estar contentos de poder estar a vivir algo que estivo a piques de ser cancelado por culpa da auga. Todos deberíamos pararnos a pensar un pouco antes de criticar á organización de calquera evento.
E entón saíu Maika. Do piano de cola á guitarra, da guitarra ao piano de cola, todo sorrisos e enerxía sobre o teclado e sobre a superficie do escenario que golpeaba cos pés para marcar o ritmo e facerse de batería improvisada. As influencias eran case transparentes, era doado pensar en Patti Smith nalgúns momentos e en Joanna Newsom noutros, cando a voz subía a lugares insospeitados e baixaba de novo para continuar o seu camiño musical. Fixo cantar ao público, fixo bromas e viu o sol aparecer entre os nubarróns ameazantes. Ao rematar o concerto souben de bastante xente que quedara namorada do terremoto Makovski.
Co cambio de horarios non tivemos que movernos e cambiar de escenario. Esperamos unha media hora e Jolie Holland saíu ao escenario, acompañada do guitarrista Stevie Weinstein-Fomer (SWF), para encher a illa de folk, de jazz e de blues e de cancións que moitas veces pareceron marchar co vento (terceiro membro da banda). Despois do terremoto Makovski, a tranquilidade de Jolie Holland, que ata o final do concerto non pareceu estar demasiado cómoda, soubo a pouco para un público que decidiu prestar pouca atención á música e poñerse a falar. Se pechabas os ollos e cerrabas a parte do cerebro que rexistra as cousas que non queres oír (xente falando), o que escoitabas era algo fermoso e delicado que finalizou, ademais, cunha versión de Townes Van Zandt.
Para rematar volvemos ata o Escenario Estrella Galicia que, esta vez si, estaba xa ben montado e listo para acoller a Michael Rother despois dos imprevistos da mañá. Sen esperar a que chegase a xente (moito mellor atraela co son da túa música!) o alemán empezou o seu concerto no que, como ben aparece no cartel, repasou traballos da súa traxectoria tanto en solitario como con NEU! e Harmonia.
A xente bailou (¡todos queríamos bailar!) e Rother se mostrou ben contento coa resposta. Fixo ata bis alertándonos, iso si, de que non se faría responsable se perdíamos o barco. Afortunadamente, os barcos esperaron por nós e ninguén quedou na illa. Non por falta ganas, claro.
1 comentario