Festival Sinsal 2015: todas as pistas para facer quinielas

sinsalIsto é para ti que conseguiches facerte cun abono a tempo, para os que ides o domingo xa agotado e para ti que estás a pensar se paga a pena ir só o venres pola tarde, único día para o que quedan entradas. A nosa resposta: claro que debes ir! Levamos varios anos collendo o barquiño ata a illa de San Simón confiando cegamente no que a xente de Sinsal teña decidido ofrecer como cartel e nunca decepcionaron. Noutras edicións vimos a xente como Alt-J, Alela Diane, Jacco Gardner, Wire, Nite Jewel ou Chelsea Wolfe entre outros. Que tocará este ano?

A dous días de que empece o festival e as incógnitas sexan despexadas, temos xa todas as pistas que desde Sinsal foron dando, unhas máis específicas e outras tan xerais que poderían apuntar a calquera. Quen serán? A quen veremos? De momento temos aínda un par de días para xogar a adiviñar, facer buscas en Google (hai unha en concreto que é moi fácil e que dá a resposta buscada) ou ver se algún dos nosos artistas favoritos coincide cunha descrición e puxo algo no seu Facebook sobre un concerto secreto (non diremos quen, pero é un caso real!). Estas son as pistas!

Venres 24

Pista 1. Cunha carreira constante, a primeira artista do venres ten conquistado tanto á crítica como ao público, álbum tras álbum, concerto tras concerto. Coa súa revisión do blues, soul e folk, chamou primeiro a atención de Tom Waits e agora xa é recoñecida por todos, desde os máis puristas que non confían no presente, ata os modernos pouco interesados polos clásicos.

Pista 2. Unha das mulleres con máis carisma e talento da escena actual en España que, en breve, tamén seducirá a Europa. Un cruce entre Marlene Dietrich e Diamanda Galas. O primeiro concerto con piano acústico na illa.

Pista 3. Será un momento moi especial para o Festival Sinsal SON Estrella Galicia. Pouco podemos dicir xa dunha persoa que cambiou para sempre a historia da música. Un artista que, por exemplo, marcou o son de Brian Eno ou David Bowie e que aínda hoxe é referencia para grupos de culto ou mainstream, como Red Hot Chili Peppers, U2, etc. Até Quentin Tarantino recorreu á súa música para algunha película.

Pista 4. Pecharemos a xornada do venres cun trío que leva os mesmos pasos do admirado Omar Souleyman. A diferenza do artista sirio, que tocaba por vodas e bautizos, os nosos convidados pertecen á primavera da África urbana. Só podemos resumir esta pista dicindo que foi o gran éxito deTransmusicales 2014 e de canto festival pisan nos últimos dous anos por todo o mundo.

Sábado 25

Pista 5. A música móvese por modas pero hai estilos que son eternos por máis que as tecnoloxias marquen os cambios. Estes irmáns levan publicados dous discos case perfectos. Melacolía sen complexos. “Pop altamente efectivo” titulaba The Guardian hai un par de meses. (Tocan tamén o domingo 26).

Pista 6. Calor, natureza e espírito latino. Música colorista desde o laboratorio dun Panda Bear tropical. A banda sonora optimista para cantar no Caribe ou no Atlántico. (Tocan tamén o domingo 26).

Pista 7. Instrumentista, cantante, compositor, arranxos. Non hai moitos músicos na actualidade que manexen tan ben eses espazos comprometidos entre a música clásica e a música popular. Un dos grandes discos do ano 2014, que continúa e engade máis prestixio a un artista, polo de agora, sen límites.

Pista 8. Desde hai tres anos, os nosos convidados non paran de xirar, como mínimo unha vez ao ano, por alguns dos mellores festivais europeos. Non son estrelas, tampouco aspiran a compoñer a canción de verán, pero o seu estilo autóctono –entre a musica popular do seu país e unha especie de acid jazz dos sesenta– non pasa desapercibido por cada festival que pisan.

Pista 9. Tres amigos de diferentes partes do mundo que se xuntan nunha academia de música e acadan a atención da crítica internacional especializada polo seu elegante e sensual ritmo setenteiro. O son perfecto para tomarse a vida con outro tempo e algo máis de optimismo.

Pista 10. Hai grupos que non, que non queren cambiar. Observar como cada ano outros alumnos aventaxados dan o salto, mentres eles continúan aí, felices con chegar a milleiros de fans en todo o mundo que respectan o seu estilo inconfundible. Podes gustar ou non, pero son únicos e grandes en directo.

As vosas apostas nos comentarios!

 

 

Shares

1 comentario

  • Sabela di:

    Pista 1: Jolie Holland
    Pista 2: Maud the Moth
    Pista 3: Michael Rother
    Pista 4: Islam Chipsy
    Pista 5: Champs
    Pista 6: Astro ❤️
    Pista 7: Owen Pallet
    Pista 8: Deerhoof
    Pista 9: All We Are
    Pista 10: ???

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *