PortAmérica 2015: We are here to make you happy!

neil

Foto: Andrés Fraga

Aínda co coche a tope vasos de cervexa e cunha dor de pés considerable, a resaca de PortAmérica pásase como un trago amargo agardando ata o ano que vén para volver a ter tres días de festa rachada. E é que desde a primeira hora do festival non houbo momento para treguas. O acerto de programar os concertos en escenarios enfrentados e nunca solapalos facía que ir ao baño ou ir a rehidratarse fosen riscos que podían facer que quedases relegado ás últimas filas. Ademais, as ganas que quedaron do ano pasado de grupos como Niños Mutantes, Calle 13 ou Vetusta Morla fixeron que afluencia fose moi superior ao que un servidor podía imaxinar.

Xoves 16

Foto: Brais Romero

Foto: Brais Romero

O xoves comezaba o festival antes de que o sol se agochase. Gafas de sol e camisas hawaiianas a partes iguais, dúas tónicas que se repetiron durante todo o festival, copaban as primeiras filas nun día que comezaba co duro rock dos vascos Belako. Quizais demasiado cedo para a potencia desplegada no escenario, algo que tamén aconteceu o ano pasado con León Benavente, Belako exprimiu os 45 minutos de escenario para romper con todas as barreiras do son. A cotío cambiando de instrumentos, agora ti a guitarra, agora eu o teclado, os gritos guturais de algúns temas parecían achegarnos máis ao Resu que ao indie. Perfecto para espabilar e espertar aos pés.

Ana Tijoux recolleu a testemuña nun concerto no que o escaso tempo fixo que a súa marcha do escenario fose bastante brusca. O ritmo de festival non perdoa, e Ana Tijoux tivo que gardar os bises para un (oxalá!) retorno próximo a PortAmérica. Loxicamente, 1977 desatou a tolemia entre o público (especialmente entre os fans de Breaking Bad). O festival seguía o curso establecido ata que Iván Ferreiro apareceu por sorpresa sobre a barra do Show Rocking cantando Años 80, Ex trema Pobreza e Turnedo. Agora xa non había volta atrás. O público cantou facendo que a voz de Ferreiro fose muda por momentos. PortAmérica viña cargado de sorpresas e esta era a primeira.

The Little Jesus. Se tedes que apuntar un grupo de todo o festival apuntade este. Puido ser a cervexa que levaba interiorizada, o ánimo en xeral, a compañía ou o que fose… pero non lembro un concerto tan divertido en moito tempo. A banda mexicana iniciaba en PortAmérica a xira española que os levaría ao FIB (entre outros) cunha potencia envidiable. Sonou o disco ao completo, con especial énfase Azul e Cretino, dunha actuación que acabou cedendo ante un público entregadísimo. Hora e pico despois da actuación, tivemos a sorte de falar un anaco co batería “Truco” para rematar de namorar deste grupo. Pode que fose a cervexa que nos agasallou ao non poder regalarnos un CD, ou pode que fose o carisma que desprendía, sexa como fose, PortAmérica, por favor, voltade a traelos para o ano!

Mais o plato forte do día era Siniestro Total. A ritmo de Miami Vice como xa é tradición, o referente punk rock galego subía ao escenario. “Pero non van en muletas?”, comentábanme días antes de ir a velos nunha conversa sobre o cartel do festival: non, non van en muletas, para nada. Máis de 30 anos neste negocio fan aprender moito, e o elixir da eterna xuventude debe ser unha desas cousas que xa teñen dominadas. A apoteósica Miña Terra Galega e Bailaré Sobre Tu Tumba fixeron bailar ata aos mortos dunha actuación que rematou con esa canción que moita xente se preguntaba “Cal era a canción esa guai que cantaron ao final? Moito molaba…”. Esa canción era o himno de Rusia, canción que, puño en alto, poñía punto e final a un deses concertos que hai que ver antes de morrer. Pechando o xoves, Gorillaz Sound System DJ Set (non confudir con Gorillaz), outra das bandas máis agardadas desta xornada inaugural. Como MC de unha figura humana que se movía na sombra, literalmente, e que pinchaba éxitos do calibre de Feel Good Inc nun espectáculo de luces e son ideal para os últimos coletazos do día.

Venres 17

O venres amencía, a iso das 12 do mediodía e con certa resaca, co bo sabor de boca que o xoves deixara. O sol e o calorciño fixeron que achegarse ás praias a por algo de purificación fose o plan axeitado para enfrontarse aos pantasmas da cancelación pasada. Calle 13, Vetusta Morla e Novedades Carminha repetían un ano despois daquela treboada que fixo necesaria a cancelación no 2014. Con salitre aínda no pelo, e algúns festivaleiros que colleron o clásico moreno camarón, Pasajero e Eladio Y Los Seres Queridos quentaban a un público que agardaba impaciente a chegada da noite. Ás dez e media, roubando algo de tempo a Niños Mutantes, o público comenzaba a agolparse fronte ao escenario Son EG agardando aos portorriqueños. Sonaron, sobre todo, as cancións do último disco ‘Multi_Viral’, mais tamén houbo tempo para clásicos como El Tango Del Pecado. Presente estivo tamén a carga política que sempre acompaña a Calle 13, con recados para a unidade do pobo ante a tiranía política dalgúns e en contra da reforma da lei do aborto recentemente aprobada. Despedíronse, logo de unha hora e vinte escasa, con Atrévete te demostrando que isto de que “este regueton se te mete por los intestinos”.

Turno para os Buzzcocks, os máis veteranos deste festival, para mover o esquelete a ritmo de punk chegado das illas británicas. Descansar non é unha opción cando no escenario a media de idade ronda os sesenta anos, así que, a pesar de os músculos (e o fígado) comezaban a agarrotarse, tocaba bailar e cantar a grito pelado aquelo de “Ever fallen in love with someone”.

Para cando Vetusta Morla comezaba o seu concerto, non quedaba ninguén que non estivese ante o escenario. Abarrotadísimo, PortAmérica desquitouse a espina do 2014 cantando a unísono as cancións dos madrileños ata que a gorxa puido. Ata os máis escépticos (inclúome) debilitáronse nalgúns deses temas que lembran ás primeiras noites universitarias e, aínda que a gran maioría de xente pedía Maldita Dulzura, o concerto remataba cunha grande emoción que ratificaba a potencia de directo que este grupo ten. Era a quenda de Novedades Carminha quen, grazas a un chivatazo do día anterior que nolo anticipou, viña con sorpresa. A sorpresa foi, nin máis nin menos, a aparición dun clásico do festival: Ángel Carmona, a voz responsable de espertar Radio3 a golpe do inconfundible “Las ochoooooo!” uníase ao grupo para (case) romper as cordas da guitarra. Coma sempre, sen descanso entre canción e canción, o concerto convertiuse nunha sorte de “rave” musical da que non se saben aínda as cifras de supervivintes posto que un servidor sumouse ao bando das baixas mortais.

Sábado 18

Sábado, derradeiro, e máis relaxado, día de PortAmérica. O día comezaba cun ceo anubado que facía temer o peor, mais El Meister trouxo algo do deserto arizoniano para manter un festival que se despediría cun balance de cero litros por metro cadrado. Arizona Baby tivo, como sempre, gran parte de culpa en que o día comezase moi forte; e é que o seu country inconfundible, fillo do rock surfeiro de Los Coronas, sumado á labia do Meister facían realmente difícil notar a dor de pes e o cansancio acumulado. The Soul Jacket recollía a testemuña de Arizona para seguir desgarrando guitarras a ritmos traídos dos Estados Unidos acompañados, de novo, por Ángel Carmona. Corenta escasos minutos dun grupo que, quizais, merecía unha horiña ou noventa minutos. Por sorte, os Soul Jackets son galegos (así o demostraron, falando en galego ao longo de toda a actuación, idioma ausente, por outra parte, en todo o festival) e de seguro que son moitas as ocasións que teremos para velos de novo.

Era a hora dos Mexicats cando, de novo por sorpresa, Iván Ferreiro aparecía de novo no Show Rocking con Pepe Solla (cociñeiro metido a guitarrista) e Xoel López para agasallar cuns minutos de música. Cun chisco de retraso pola sorpresa, Jenny And The Mexicats aparecían en escena cunha estraña combinación de cumbia, rock e folk; todo isto acompañado dunha trompeta sempre perfecta. “Imos pasar unha noite do carallo!”, berraba a británica Jenny mentres todo o público bailaba ao ritmo doutra das sorpresas deste ano. Apuntádeos, ao carón de The Little Jesus, nos grupos aos que hai que seguir a pista!

Foto: Andrés Fraga

Foto: Andrés Fraga

Mais o sábado era o día de The Divine Comedy. O plato grande da última xornada aparecía ás case doce da noite cun Neil Hannon especialmente cariñoso. Foron moitas as verbas que se adicou ao público de PortAmérica o cantante, mais foron as de “we are here to make you happy” as que máis se axustaron á realidade da actuación. Por suposto, non defraudaron, mais foi National Express a que, persoalmente, foi o momento perfecto do concerto (que rematou con Tonight We Fly). Case non dera tempo a asumir que The Divine Comedy marchara do escenario cando Xoel López comezaba o seu concerto. Presentando o seu último traballo, ‘Paramales’, Xoel tivo tamén tempo para lembrar os seus temas máis coñecidos como Tierra ou Que no. Xogando co formato clásico de rock indie e cos ritmos latinos, ás veces daba a sensación que Iván Ferreiro, como unha tríada, ía aparecer no escenario para acompañar ao vigués. Mais, quizais fose unha decisión xa tomada, ou que o escenario xa estaba ocupado ao completo pola melódica voz de Xoel López, que ao final a “sorpresa” foi que quedou no tinteiro Buenos Aires.

Dúas da mañá e con tres días á espalda, este cronista despediuse, con nocturnidade, do PortAmérica cunha única promesa para a edición 2016: mercar uns pes novos porque estes, desde logo, quedaron gastados de todo. Ata o ano que vén, PortAmerica! E lémbrate: Little Jesus para 2016!!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *