PortAmérica 2015: tres días para non parar

Difícil decisión para alguén da meseta escoller entre Benicàssim e PortAmérica (en realidade non tanto) xa que cadran os dous festivais os mesmos días en puntos separados por máis de 700 quilómetros. Sorte a nosa que Nigrán queda a poucos quilómetros de calquera punto de Galicia, polo que a decisión está clara: PortAmérica! Despois dunha edición marcada polo mal tempo e pola cancelación dun dos días do festival, este ano a cita pontevedresa vén con ganas de enterrar no pasado os problemas e deixar que sexan a festa e a música as que ocupen todo o protagonismo.

portamerica-cartel

Porén, a cancelación de Molotov, un dos pratos fortes na xornada do xoves, por motivos médicos supuxo un forte golpe para todos aqueles que coñecemos a música dos mexicanos alén de Puto. Mais, para un roto sempre hai un descosido, e o festival chamou The Skatalites, representantes do mellor ska e reggae xamaicano. O cambio estaba claro: dun grupo que levanta o público a bailar a outro exactamente igual, e se non me credes buscade Guns Of Navarone dos Skatalites e intentade permanecer quietos na cadeira. O xoves complétase cun referente do rock galego, Siniestro Total. Citar unha soa canción dun grupo cuxa discografía está gravada na cabeza de todo o país é unha parvada. Sabemos que vai ser un concertazo, e sexan dúas horas ou 5 días de concerto, sempre imos querer máis de Siniestro, así que levade os CDs no coche para quitarvos o mono (e por se queda algún temazo no tinteiro).

Para os que quedaran con ganas do ano pasado, Vetusta Morla e Calle 13 repiten este ano tamén en venres. Os rezos e as pregarias feitas ao longo de todo o ano fixeron que este ano a predición do tempo sexa bastante máis positiva (uns 28ºC de temperatura máxima) e que as pantasmas de 2014 queden, precisamente, no pasado. Calle 13, que recentemente fundaron o seu propio selo discográfico, chega a Nigrán co seu último disco, ‘Multi_Viral’, onde a mestura de xéneros musicais e as letras políticos confúndense facendo que cancións como ¡Atrévete Te, Te! semellen a séculos de distancia.

Terceiro, e último día, o sábado cun cartel no que os nomes en “pequeno” son os que máis atractivo e curiosidade espertan. Si, están Supersubmarina e Xoel López, tamén aparecen os xeniais The Divine Comedy; mais en pequeno está Jenny And The Mexicats e sabedes que o que asina isto ten debilidade polas trompetas. Habería que crear un xénero especial para estes grupos que espertan ledicia e un sorriso con só oír uns acordes para grupos como os Mexicats. The Soul Jacket, co seu rock desde Vigo, Arizona Baby, con El Meister e o virtuoso Rubén Marrón, ou os ritmos electrónicos de Is Tropical completan un último día onde o día empeza tan forte como remata.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *