Claudio Rodríguez Fer: O que queda da boca

Amores e clamoresEscoitei por primeira vez a poesía de Claudio Rodríguez Fer baixando do Castro de Vigo unha tarde fría e luminosa de hai once anos cando o meu amigo Pablo e mais eu tiñamos dezaseis. El, co seu pelo rizado e revolto, ía lendo polo camiño: “A túa boca violeta boreal e venérea”. Estoupando entre as árbores en síncope bilabial aquel verso percorreu dunha soa vez toda a miña inexperiencia: unha boca violeta, unha boca extraterrestre, na cúspide da cidade, natureza abaixo, abaixo… Metade inocentes e prendidos daquela boca voltamos a casa e, aínda prendida dela ao anoitecer, imaxino que fixen os deberes, vin a tele, ceei, durmín, durmín e espertei.

Agora Edicións do Castro acaba de publicar nun libro azul celeste a súa poesía reunida ata hoxe: unha fermosa conxunción de amores e clamores nos que atopa de novo expresión orixinal a orixinalidade da vida e a ledicia de vivir.

Dende a máis profunda vitalidade érguense estes poemas escritos ao longo de trinta e sete anos. Léndoos ten unha a impresión tola de que o poeta nunca se detivo a escribilos, de que nunca se detivo (“A poesía é acción ou non é nada”). Abrimos unha páxina e estamos inmersos no enigma arborescente do bosque milenario que somos. Abrimos outra e viaxamos pola memoria que lembra a barbarie a bordo dun tranvía chamado Urania. Ou facémonos indíxenas palta en terra ignota. Ou flor de U ou bomba rosa ou danzantes da estirpe de Zorba. Coa imaxinación axigantada pola tenrura dun tigre, o feito de vivir tórnasenos simultaneamente máis real e máis máxico. Mesmo a lingua é nestes poemas tanto máis real por canto é máxica, pois é unha lingua que escribe mais que tamén fala e fai falar. Lingua convertida en expresión fondamente extravertida do que non se pode explicar, só sentir coma un pracer. Lingua feita pracer.

Coido que foi ese pracer o que lles deixou entrever aquela boca violeta, castro abaixo, hai once anos, aos dous adolescentes que, aínda metade inocentes, quedaron prendidos dela. Iso foi e iso é o que nos deixa entrever a poesía de Claudio Rodríguez Fer. Iso que, polo demais, é todo o resto, pois…

O
QUE
QUEDA
DA
BOCA
NON
É
A
BOCA

(Extrema Europa, Claudio Rodríguez Fer)

–––––––––––––––––––––––––––––––––––––

BALADA DOS CABALOS DO MAR

Viñeron ata a fin dos mundos.
Chegaron ao principio do amor.

Marcharan cabalgando nas augas
dos océanos de paixóns pánicas.

Amábanse en espirais desatadas
nos ceos do fondo do mar.

Subían descendendo escaleiras
cara aos limos máis abisais das constelacións.

Brillaban azuis baixo as lousas
das pléiades galopando sobre as dunas.

Atravesaban as portas do infinito
en ondas proteicas de tempo sideral.

Ollaban os portos do mundo
dende as verdes praias do leito.

Escoitaban muxir a marea
coma un furacán por cada vea.

Tocaban as espigas das crinas
co zafiro das pupilas estelares.

Viaxaban sedentarios nas terrazas
como a xerfa que retorna de ultramar.

Recendían ao cosmos do salitre
e sabían aos astros das maceiras.

Unllaban as costas das nubes
e mamaban nos peitos do universo.

Curaban feridas, chagas, cicatrices,
as desviacións máis óseas da galaxia.

Sabían que as tempestades son precisas
como agullas de máquinas para navegar.

Naufragaban cal veleiros no horizonte
pendurado do bico das gaivotas.

Aniñaban nas rochas máis batidas
ou no penacho cantil dun cormorán moñudo.

Negaban o tempo para afirmar o espazo
que compartiron sempre galopando.

Eran felices como bestas ou liques
trabados con apertas de madeira viva.

Bicábanse nos lavadoiros das murallas
e nas cores amarelas da louza floreal.

Abrazábanse esculpidos coas perdidas
polos camiños das olleiras telúricas.

Cantaban en linguas primixenias
como as algas ao vento na caluga.

Bailaban sobre barcos afundidos
a danza das eguas e das poldras.

Chovían con forza de crustáceos
e orballaban como pétalos de armiño.

E galopaban sen límites no espazo
polos mares unidos dunha pinga.

Eles eran o légamo da vida
que animaba proteico os cabalos do mar.

(Bretaña)

Shares

1 comentario

  • Vane di:

    Que bonito!!! Se me acuerda a mis años de colegio cuando teniamos un profesor de gallego que nos enseñó de una manera amena “Rosalía de Castro” recitada o cantada por Amancio Prada. Inolvidable!!!!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *