5 plans para o Día das Letras Galegas

Asómase un día de festa, a celebración da nosa lingua e literatura! Se aínda non tes plan aquí van 5 recomendacións para gozar do Día das Letras Galegas.

Book Crossing1. Regala un libro. Que mellor xeito de celebrar as nosas letras que agasallando a alguén a quen aprecias (parella, nai, pai, irmáns, amigos…) cun libro escrito en galego (a rosa é opcional). A poder ser un título que xa teñas lido e amado e desexes compartir con outra persoa.

2. Book Crossing. Os descoñecidos tamén teñen dereito a gozar dunha boa lectura. Deixa un libro nalgún espazo público: un parque, unha cafetería, un centro de saúde, un paseo marítimo… E non esquezas incluír unha mensaxe explicando a finalidade dese exemplar aparentemente abandonado: pasar polo maior número de mans posibles, para que a literatura viaxe.

3. Achégate á figura do homenaxeado. Xornalista, poeta, xurista, conferenciante, empresario, político… as caras de Valentín Paz-Andrade son moitas, e todas pagan a pena. Coñece a vertente máis ensaísta do autor en títulos como  ‘Galicia como tarea’, ‘Galiza lavra a sua imagen’ ou ‘Castelao na luz e na sombra’, explora os seus amplos coñecementos da economía, e en concreto do sector pesqueiro, en publicacións como ‘Sistema económico de la pesca en Galicia’ ou ‘Principios de economía pesquera’, ou ben descobre ao home que escribe poesía en ‘Pranto matricial’, ‘Sementeira do vento’ ou ‘Cen chaves de sombra’. Xerais vén de recompilar a súa obra poética en ‘Poesía completa’, con sete poemarios inéditos.

Outra opción é visitar as exposicións ‘Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa’ e ‘A Galicia do Galicia (1922-1926)‘. A primeira, organizada pola Fundación Luís Seoane e a Fundación Novacaixagalicia, céntrase na obra e traxectoria vital do autor. Tralo seu paso pola Coruña, desde onte a mostra está instalada no Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo. A segunda, que acolle a sede da Coruña da Fundación Barrié, homenaxea ao xornal Galicia, dirixido por Paz-Andrade entre 1922 e 1926, unha das cabeceiras de prensa máis modernas e significativas da historia xornalística de Galicia.

E para rematar, podes mergullarte no arquivo audiovisual que a RTVG dedica a Valentín Paz-Andrade ou na canle VPA 2012 en Youtube.

4. Festexa na Romaría Etnográfica Raigame. O núcleo medieval de Vilanova dos Infantes, en Celanova, recrea cada ano, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, o ambiente das típicas romarías galegas de finais do século XIX e principios do XX, con exhibición e venda de produtos artesanais, demostracións de oficios de época e música e danzas populares.

5. Participa nas conferencias e actividades de homenaxe ao redor de Valentín Paz-Andrade. Seguro que atopas algunha na túa vila ou cidade.

Fotos |  Andrés Fraga, Arquivo Pacheco
Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *