Laura no deserto, algo máis que outra novela sobre a Guerra Civil

Teño unha proba infalible para saber o grado de interese que pode despertar unha obra: viaxar con ela en Ryanair. Se consigo permanecer enfrascada na lectura, se ningunha voz fai que peche o libro e mire con resignación o que me teñan que vender, estamos diante dun libro a proba de bomba. ‘Laura no deserto’ non só sobreviviu con nota a unha viaxe en Ryanair, tamén o fixo a unha segunda xornada en Vueling (e resistirse á revista Ling é ben complicado) e salvoume do aburrimento nun longo día de aeroporto. Así foi como as algo máis de 700 páxinas da novela de Antón Riveiro Coello (mercada, como non para unha crónica como está sendo esta, na tenda dun aeroporto) se me fixeron cortas.

Laura no DesertoAchegueime con precaución á novela de Riveiro Coello (editada por Galaxia), xa que acababa de facerse co premio da Crítica para narrativa en galego. As miñas anteriores experiencias con gañadores de premios literarios galegos non foran moi boas e temía o que un novo premiado podería ofrecer. Sen embargo, a novela de Riveiro Coello (que mestura as xeografías de Nova York, Barcelona e A Pobra do Caramiñal!! sen que a historia perda sentido)  ten o premio máis que merecido.

E complicado analizar esta obra nunha crítica literaria sen destapar demasiados puntos elementais na trama (aínda que o misterio non é tan importante: a medida que vai avanzando a historia, o lector pode imaxinar sen problemas cara onde irán as personaxes e as relacións – descoñecidas – que manteñen entre elas). O punto clave é o misterio, a novela da familia (un elemento moi recorrente na narrativa contemporánea pero que conta con moitos fans – entre os que me inclúo – e que pode dar de si historias magníficas).

A historia arranca en 1982. Diana vai a casa do pai, que vive nun piso señorial no centro de Barcelona, para buscar o seu libro de familia e poder iniciar os trámites de divorcio dun marido ao que non aprecia. Cando abre o caixón no que o debería atopar, dá, no canto, cunha carta escrita dende o cárcere de Ventas por unha tía que ela pensaba morta de tuberculose ao final da Guerra Civil. En Nova York, un veterano da II Guerra Mundial intenta axudar ao seu amigo, un falido suicida a quen os remorsos do que fixo na guerra non lle deixan ser feliz. Nun psiquiátrico estadounidense, unha muller non lembra nada da súa vida, só unha canción que os médicos non logran recoñecer ou entender. E en Santiago de Compostela, Pablo ten que afrontar a morte do seu pai, un gris intelectual, e unha terrible revelación que lle fixo no momento de morrer.

O libro divídese á súa vez en catros libros. Tres deles entrelazan en tempo presente a historia dos seus personaxes, con fiestras abertas ao pasado gracias ás pesquisas que Diana e Pablo realizan e aos terribles achados que os dous veteranos da II Guerra Mundial realizan. O outro libro, O labirinto de Ingrid Steiner, céntrase unicamente nas experiencias dunha das personaxes durante a II Guerra Mundial. O labirinto de Ingrid Steiner é sen lugar a dúbidas a parte máis rematada e máis impresionante do conxunto, cunha prosa sincera e cun relato que recolle o terrible destino das vítimas da Alemaña nazi, con toda a crueza do que supuña intentar sobrevivir nun campo de concentración (Riveiro Coello fai que a narradora e protagonista do relato sufra e padeza e cuestione a catadura moral do que ten que facer para sobrevivir: non é unha heroína, senón unha persoa que quere seguir con vida). O único efecto negativo que ten un relato tan ben artellado (é a terceira parte da obra), que ben podería ser un libro de forma independente, é que a cuarta e derradeira parte, o final da obra, semelle por comparación un pouco insulsa, non tan ben finiquitada e sobre todo menos sincera, cunha prosa menos poderosa que o que se acaba de ler.

‘Laura no deserto’ é, si, unha novela máis da Guerra Civil, pero tamén unha achega distinta, diferente, interesante e cunha prosa adictiva (os deuses sexan loados por iso!).

Foto | Guilherme Jófili

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *