Benvidos ao Hay Festival!

Xa hai uns anos, un mozo Peter Florence percorría España como turista. Chegar a Segovia, unha cidade que ten o estraño privilexio de contar con castelo que disque inspirou ao mesmísimo Walt Disney, levoulle, dende Madrid, catro horas, nun autobús que percorría estradas de pesadelo. Florence foi quen anos despois creou o festival literario / cultural de Hay-on-Wye, a estupenda cidade do libro galesa, e quen, cando lle preguntaron onde se podería facer unha versión do festival en España, recordou o nome de Segovia. Agora esa historia sérvelles aos que manteñen a revista diaria do Hay Festival para animar a primeira páxina do seu primeiro número da última edición do acontecemento.

Segovia está agora a 28 minutos de Madrid en trens lanzadeira que fan o percorrido en alta velocidade. A estación á que chegan ten o moi literario nome de Guiomar, na honra da musa de Antonio Machado. Durante catro días en setembro, Segovia-Guiomar recibe ás mans cheas a intelectuais chegados de medio mundo, que participarán na versión española do Hay.

Nesta edición, aínda que o programa sitúa algún evento en días e incluso semanas previas ós catro días grandes, este fin de semana (un fin de semana que empeza en xoves) permitiu abordar temas tan diversos como se as touradas son algunha forma de cultura, a Guerra Civil española e a represión franquista e os libros que tratan sobre elas, a muller e a literatura árabe ou as bases da brit lit. O programa é do máis variado, con eventos simultáneos que poñen nunha encrucillada aos indecisos. E como este é un evento cultural, non pon fronteiras nin senta aos asistentes a escoitar charlas interminables.

Ás conferencias súmanselle actividades paralelas, como a visita á casa museo de Antonio Machado acompañados por poemas do autor castelán ou un percorrido poético por un dos xardíns máis especiais da vila, o Romeral de San Marcos. Ademais, a cidade énchese de exposicións gratuítas que poder visitar. Agradécese o tamaño de peto das mesmas: nunha axenda tan completa, unha exposición breve, como son estas, é unha interesante escusa para unha pausa. Nesta ocasión podíase ver dende un moi divertido montaxe audiovisual sobre os reloxos (con fotos da Axencia Efe de quen non deixan de mirar a hora…) ata unha exposición sobre ilustración danesa para contos, que permitía ler (cunha tradución castelá sobreimpresa), tocar e ver os estupendos contos (moi na liña Kalandraka) que teñen os nenos daneses.

Aínda que Segovia é aínda a irmá pequena do gran Hay Festival que se celebra cada ano no pobo galés, é unha opción igualmente alcanzable, interesante e que está máis preto de nós. Fronte a outros congresos, festivais e actividades cos seus bonos para todos os días, o Hay Festival permite comprar entradas só para aqueles eventos aos que se quere asistir, cun prezo que está entre os 2 e os 4 euros.

Foto |  jay.denhart

*Aínda nos quedan un par de artigos sobre o Hay que poderedes ler esta semana

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *