Oitenta, deseño para infancias de Meccano

Don't Look Back!


Son pequenos e trepan polas paredes, sempre sen mirar atrás. Seguramente os viches transportando algún obxecto: unha chave, unha chaqueta, unha funda de cámara. Sempre arriba. Se coñeces a estas pequenas criaturas é probable que naceras nos 80 e que de pequeno xogaras cos Lego, os Meccano e os Tente, igual que o grupo de amigos que deron vida a estes incansables escaladores a través da empresa de deseño Oitenta.

Queremos saber máis sobre esta homenaxe aos ‘oitenteros’, así que entrevistamos a Marcos Saavedra, deseñador e integrante deste proxecto empresarial con sede en A Coruña.

Cando e como nace Oitenta?

Nace como idea a finais de 2008, cando uns amigos comezamos a madurar a idea de comercializar os primeiros deseños, e finalmente nace como empresa a finais de 2009, lanzando ao mercado os tres primeiros produtos: Taburete Tabú, Estantería Branca e Colgadores Don´t look Back!

Afirmades na vosa web que vos chamades ‘Oitenta’ porque todos sodes de 1980. Dirixídesvos tamén a esta xeración?

Os fundadores da empresa son todos nacidos no 1980, amigos da infancia e galegos, polo que pensamos que ese nome se identificaba con nós e coa nosa xeración. Intentamos dirixirnos a ese público, abrindo o abano ata ‘os nosos irmáns maiores’ porque é o sector ao que mellor coñecemos.

Que demanda este tipo de público?

Demanda produtos orixinais, moi funcionais, asumibles e sobre todo con personalidade. Está comezando a súa vida adulta, creando o seu fogar e coñece o deseño, valórao e gústalle ter obxectos orixinais, fuxindo dos estándares do luxo tradicional.

Vinilos de Oitenta

Queremos achegarlle ao público obxectos que lles dean solucións e lles resulten prácticos, tratando ademais de aportar un valor engadido, unha estética fresca e persoal, que faga do fogar un ambiente divertido. As nosas inspiracións son moi variadas, pero os eixos principais á hora de concibir un produto son o deseño funcional e austero (propio do deseño xaponés e o escandinavo) cun toque divertido e simpático (tomado do mundo dos gadgets).

Ao ver os vosos catálogos queda claro que outra das vosas apostas é o Do it yourself, por que?

O Do it yourself é unha corrente que globalizou IKEA e que ás empresas como á nosa axúdanos á hora de recortar custo de produción e envío (vendemos a través de internet e entregamos a domicilio); e ademais aporta moita satisfacción ao usuario. A nosa xeración criouse con xogos de construción (Lego, Meccano, Tente) e a compoñente de satisfacción ao rematar a construción parécenos moi interesante. É incluso un concepto que nos axudou a concibir produtos como o Use the Gap ou o Corner.

Cales son os vosos produtos estrela?

O produto máis vendido ata o momento son os colgadores Don´t look Back! E como pasa ás veces, o público acaba utilizando o produto de formas que nos non imaxináramos, por exemplo, utilizándoo para colgar chaves na entrada das casas ou incluso en recepcións de hotel, pois en composición grupal son moi decorativos.

Onde podemos atopar as vosas creacións?

Actualmente colaboramos con tendas en A Coruña, Santiago de Compostela, Barcelona, e a máis recente en Madrid. Ademais colaboramos con varias tendas online a escala nacional e vendemos tamén a través da nosa propia tenda online.

En que novos proxectos estades traballando?

A raíz do éxito de Don´t look Back! estamos buscando explotar unha gama de complementos para o fogar moi asumibles e orixinais. Temos en proceso de prototipaxe varios proxectos e esperamos lanzar novidades proximamente. Tamén queremos ir ampliando a gama de vinilos enfocados á personalización de mobles.

Tamén apostades polas redes sociais para promocionar os vosos produtos. Pensades que é unha ferramenta imprescindible hoxe en día?

Non pensamos nas redes sociais como nunha estratexia senón como nunha forma de estar en contacto e achegarnos ao público buscando eliminar a tradicional barreira empresa–cliente e involucrando no proceso de creación aos que chamamos ‘oitenteros’, que nos axudan a mellorar e cos que nos gusta estar en constante comunicación. Cremos que é unha boa política, máis alá de que sexa unha estratexia de márketing cada vez máis necesaria nas empresas.

Contades cun blog no que ademais de falar sobre os vosos produtos reflexionades sobre e sector e dades a coñecer a novos talentos. Que vos levou a crear este espazo?

Nós mesmos, no tempo que levamos de actividade, vemos como quizais polos tempos que nos tocaron, os deseñadores e creativos sofren para darse a coñecer e incluso para que as empresas se dean conta do que estes profesionais lles poden ofrecer, polo que decidimos aportar o noso gran de area e apoiar e tratar de impulsar un sector que consideramos de vital importancia no mundo empresarial. Gústanos colaborar e axudar a que este sector medre e facerlle ver a empresas e institucións que a mellor forma de saír da crise é apostar pola innovación, o talento e a creatividade.

Taburete Tabú

Na vosa web é posible descargar o Póster ‘Nunca choveu que non escampara’. Un optimismo necesario para os tempos que corren? A que desafíos debe facer fronte o sector do deseño neste contexto?

Dende logo chove, pero cremos que hai que velo como unha oportunidade máis que como unha situación da que lamentarse. Esta crise ensinounos algo: que hai que traballar máis e sobre todo mellor, que hai que innovar e que hai que apostar pola xuventude, e non debería ser por obriga, senón por ‘filosofía’.

En Galicia aínda estamos un pouco verdes en materia de creatividade e os deseñadores non acostumamos ser bos comunicadores á hora de ‘vender’ as nosas bondades. A isto súmase que a empresa galega é aínda moi tradicional e conservadora, aínda que por sorte ímonos atopando sorpresas agradables de empresas, incluso familiares, con ganas de modernizarse e ofrecer novos produtos e servizos.

Sobre a visibilidade do deseño galego, como cres que se valora fóra de Galicia?

Cremos que é unha gran descoñecida fóra de Galicia, e o peor, dentro de Galicia. Non hai grandes nomes (salvo un ou dous), máis alá do deseño de moda, onde somos moi potentes. A pregunta é, que lle fai pensar á xente que fóra da moda non podemos ser tan potentes? Temos que demostrarllo e as empresas teñen que darnos a oportunidade.

 

Fotos | Oitenta

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *