Top 10 do 2012: Letras

Co fin do ano chega o momento de facer balance. Recuperamos algúns dos titulares que deron forma ao mundo das letras durante os últimos doce meses.

10. Fenómeno 50 sombras de Grey. A triloxía erótica de EL James é sen dúbida o fenómeno do ano no que no mundo dos libros se trata. Posiblemente sexa un dos best-sellers peor escritos dos últimos anos (incluso superando a Crepúsculo!) pero negar a súa importancia sería demasiado simplista. A literatura erótica (tanto a mala como a boa) está de moda grazas a esta historia e a xente xa non se oculta para ler esta historia. Non é nada raro ver lectores da triloxía en practicamente calquera lugar (eu vin a un executivo pudoroso ocultando as lapelas nun restaurante e xa hai artigos que capturan aos lectores por todo o mundo) e os ‘a nova 50 sombras de Grey’ xa cansan. Hai análises, copias, versións, remixes e todo o que se vos poda ocorrer.

9. O non moi glorioso final da editorial A Nosa Terra. É unha das malas noticias do mundo das letras galegas no ano que remata. Que unha editorial (ou unha libraría) bote o peche sempre nos doe un pouquiño, como amantes do mundo do escrito que somos. Que unha editorial das de toda a vida remate con noticias de libros sen destino e  cos lectores organizándose no Facebook para mercar libros ao por maior é aínda máis triste.

8. Novas librarías. Aínda que uns marchan, outros chegan. E iso sempre é unha boa nova. Ao longo do ano fomos dando conta de novas iniciativas, como a Libraría Café de Rinoceronte, e fomos soubendo de novas aperturas por toda Galicia, como A Lus do Candil en Arteixo e as librarías especializadas Lila de Lilith en Santiago ou Sindicato del Cómic en Ourense. A crise tamén está axudando a crear cousas distintas que merecen ser destacadas e copiadas, como a libraría madrileña que non cobra polos libros.

7. Fran Alonso. Fran Alonso ten bastantes seguidores dentro de Disquecool. Alonso é un escritor que quere explicar dende a literatura o seu tempo, como nos explicaba hai xa un tempo nunha entrevista. O escritor acaba de lanzar novo libro.

6. Libros infantís que volven. Vai volver Bridget Jones e xa o fixeron Adrian Mole (reconvertido nun señor) e Manolito Gafotas, que agora entra na adolescencia e prefire que lle chamen Mejor Manolo.

5. Novas editoriais. Aínda que os tempos de crise están a levarse por diante moitas iniciativas culturais e medios e editoriais están a sufrir duramente os rigores económicos, tamén é certo que nos últimos anos están a aparecer novas iniciativas moi prometedoras. As pequenas editoriais independentes están ofrecendo produtos cun acabado fermoso e cun fondo alternativo e prometedor, como é o caso, por exemplo, de Impedimenta en castelán. Que cada vez se fale máis de elas non é máis que un bo sinal.

4. Philip Roth. O escritor estadounidense recibiu este ano o premio Príncipe de Asturias, que sempre é unha escusa para achegarse a eses autores coñecidos e sagrados que che dá un pouco de pereza ler. O escritor anunciou hai nada ademais que se retira, nunha entrevista nunha revista francesa, que se converteu rapidamente en titular en todos os medios de comunicación. Sumando os dous acontecementos, este é o ano no que ler a Roth é case obrigatorio. 

3. Liberación, de Sandor Marai.  Saiu este verán en castelán, como unha novidade un pouco complicada para levar á praia pero para a que se agradece que fóra vaia bo tempo. É un dos libros póstumos do seu autor. Non saíu publicado ata que Marai morreu (e a súa obra foi redescuberta nun deses xiros do destino) Narra a historia de Erzsebet, unha rapaza que tenta sobrevivir no Budapest da Segunda Guerra Mundial mentres intenta buscar refuxio para o seu pai, un intelectual perseguido polos nazis. Unha obra breve pero intensa e, como todo o de Marai, incrible. 

2. Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello. Posta a escoller unha novela en lingua galega, a gañadora debe ser ‘Laura no deserto’, de Editorial Galaxia. Premio da Crítica no ano 2012, a novela é unha fabulosa obra de historias cruzadas que ten na Guerra Civil o seu principal nexo de unión (cunha parte adicada á Segunda Guerra Mundial que merecería por si sola a lectura).

1. eBooks. Aínda que as cifras de ventas dos ereaders, os aparatos para ler libros electrónicos, están caendo, porque son produtos cunha vida útil máis longa e porque as tabletas están a quedarse con seu mercado (moitos lectores pensan que para que ter un lector electrónico cando xa tes un tablet), os libros electrónicos están en auténtico auxe. Cada vez lemos máis en formato electrónico e cada vez o ebook ten máis peso. Dende editoriais que só se adican ao libro electrónico, como B de Books ou Ediciones Tagus, ata unha reconversión da industria editorial de sempre ao ebook (aínda que o estado do libro electrónico en galego era complicado, as novas incorporacións do catálogo de Xerais a Amazon fan pensar nun futuro mellor). O 2012 foi o ano da explosión do ebook no mercado español.

Foto |  shutterhacks

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *