Manolito Gafotas volve once anos despois

A primeira vez que tiven nas miñas mans un libro protagonizado por Manolito Gafotas, eu tiña máis ou menos a mesma idade que o protagonista. Non fora eu que o escollera (foi un agasallo de Nadal ou de aniversario) pero rapidamente quedei atrapada pola historia. Era divertida e Manolito era (a pesar de que non tiñamos moito que ver) un neno co que eu podía identificarme. Anos despois, moitos anos despois, Manolito e máis eu xa non temos a mesma idade aínda que ambos acabamos por volver a atoparnos. Unha chea de anos máis tarde, Manolito volve ás librarías en ‘Mejor Manolo’.

O seu silencio de anos debeuse, como lle explica a autora, Elvira Lindo, á enfadada nai de Manolito ao principio da nova entrega, a que estaba farta da repercusión que tiveran as historias e dos directores e mestres de escola que non facían máis que dicir que Manolito “non era un neno pedagóxico” (en Finlandia, conta Lindo nunha entrevista en El País, non se publicaba porque a nai lle pega de vez en cando a Manolito), aínda que Manolito non as ten todas consigo e pensa que é porque Lindo precisaba “diñeiro fresco”.  “Sempre pensei que cando tivese tempo libre, sen nada que facer, dedicaríame a escribir outro libro do personaxe”, dille Lindo a ABC. Manolito Gafotas é a creación máis popular da súa autora, publicada nunha chea de idiomas (en Turquía incluso vai servir de material para unha serie de televisión!), un éxito que case vampirizou as outras cousas das que está detrás a autora (que tamén escribe os chamados ‘libros serios’).

E que se pode agardar do novo Manolito? Aínda que entre o último libro e o actual, pasaron 11 anos (‘Manolito tiene un secreto’ saíu en 2001) polo seu protagonista non pasou o tempo. Manolito está agora nesa fronteira na que se comeza a ser adolescente (todo parece indicar que nunca veremos a Manolito sufrindo os problemas da vida adulta, como si fixo por exemplo Adrian Mole) e vive no Carabanchel Alto (ese barrio de Madrid que se fixo famoso, como diría o seu ilustre habitante, no mundo mundial por ser onde vive a familia García Moreno) de hoxe en día. Manolito sofre a crise económica, a ruptura da burbulla inmobiliaria e a necesidade de meter man por parte da familia da pensión do avó para poder ir tirando. Manolito ata teme pola súa cartilla de aforros… porque a ten en Bankia. O panorama podería ser desalentador, pero – como en todos os libros de Manolito – ao final non queda máis remedio que rir ante o que conta e vive o pobre protagonista. Manolito segue a ser tan miñaxoia como era hai dez e ata dezaoito anos atrás.

E aínda que seguramente os escolares que están lendo agora a Manolito gozarán coa historia, os xa crecidos antigos lectores de Manolito de antes gozarana aínda máis. O libro chega en Seix Barral e fóra das coleccións ‘para nenos’, na colección Biblioteca furtiva. Biblioteca furtiva é unha desas apostas que tenta borrar esa tantas veces fronteira artificial entre lectura para adulto e lectura para escolar. Unha lectura con risas aseguradas e cun certo toque de nostalxia.

Publicidade. Podes mercar Mejor Manolo, de Elvira Lindo, en LaCasadelLibro.com en formato tradicional e en ebook.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *