5 plans para sobrevivir a Santiago en xullo

Non ten praia, a calor vólvese pegañenta se o termómetro marca máis de 25ºC e o aire ás veces parece non moverse: Santiago é un forno no verán. Porén, sobrevivir ao mes de xullo en Compostela é posible. Se tes que traballar ou estudar, se veñen os teus colegas de visita, ou se simplemente quedas a vivir aquí porque, sinceramente, é a mellor cidade, aquí van uns consellos para non morrer neste mes de olas de calor e cambios bruscos de tempo.

1. Xantar fóra

O plan obvio e máis practicado por un grande sector de Compostela. Xuntarse cos amigos, coa túa parella ou cun bo libro á sombra, calquera combinación é perfecta para deixar a casa a un lado e ir a Belvís, Bonaval ou Galeras a comer. Sexa un bocata mercado por aí ou unha ensalada feita na casa, os parques de Santiago préstanse a facer picnic baixo as árbores. Iso si, hai xente (eu) que quere durmir a sesta, así que se levas guitarra e ganas de cantar, lembra que non es o único que vai para relaxarse e desconectar.

2. Cine no CGAC

Nada mellor para rematar unha tarde deitado á sombra de Bonaval que baixar ata o CGAC a ver unha película. O museo ofrece un ciclo de películas australianas ao aire libre (e de balde!) coa posibilidade de coller unhas cervexas ou hamburguesas na cantina do mesmo museo. Entre os títulos escollidos, ‘The Adventures of Priscilla, Queen of the Desert’ abre o programa este 8 de xullo. O filme, protagonizado por Hugo Weaving e Guy Pearce, é unha road-movie na que tres drag queens cruzan o deserto australiano nunha caravana repleta de zapatos de plataformas e música a todo volume. Oito títulos máis, entre os que destaca ‘Wake In Fright’, da que o mesmísimo Martin Scorsese dixo que o deixou sen palabras, que encherán o CGAC de cine nas noites de xullo.

3. Atardeceres no Gaiás

Pero Santiago tamén é música. O Gaiás ofrece os xa consagrados Atardeceres para bailar ata que se poña o sol. Desde o 2 de xullo, día no que Puma Pumku abriu a edición 2015, a Cidade de Cultura resoará aos ritmos de grupos como Crudo Pimiento ou La Habitación Roja; ademais, Is Tropical e León Benavente porán as notas de calidade en máis de vinte concertos (tamén de balde!) que chegarán ata o 31 de agosto.

4. NUMAX

Premiados como Mellor Proxecto Cooperativo do 2015, o cinema NUMAX segue a ofrecer o mellor cine alternativo actual e algunhas xoias do cine clásico. Esta semana, ‘P’tit Quintin’ de Bruno Dumont abre o venres co seu filme episódico onde un policía tratará de resolver os misteriosos crimes cometidos nunha pequena vila da costa francesa. Escollida por Cahiers du Cinéma como o mellor filme francés do ano pasado, ‘P’tit Quintin’ é unha das opcións que NUMAX ofrece xunto con ‘Hermosa Juventud’, de Jaime Rosales, ‘El Mundo Sigue’, de Fernando Fernán Gómez, e outro moitos máis. Ah! E para os que gostaron de ‘The Act Of Killing’, pronto chegará a súa “secuela”, ‘The Look Of Silence’, así que estade atentos!

5. Terracear

E non todo é ver ou oír música, tamén hai que hidratarse. Así que nada mellor que unhas cañas a iso das oito da tarde, cando o sol xa comeza a agocharse, para recuperar os folgos queimados ao longo da xornada laboral. Ademais, para os que anden aforrando cartos para ir de vacacións este verán, lembrade que en Santiago as cañas veñen con tapa! Vamos, que en realidade é máis económico saír de cañas cos amigos que cear na casa. E para os despistados, lembrade que La Tita agora tamén está a carón do Salón Teatro no Rúa Nova, así que xa non hai escusa para quedar sen un anaco da mellor tortilla de Compostela.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *