Hai dúas clases de persoas neste mundo. As primeiras son as que len de xeito compulsivo os artigos sobre como ser máis produtivo, decididas a aplicar todas as recomendacións que ofrecen como quen descubre unha nova relixión con incribles promesas para a vida eterna (e de vida eterna). Como se se lles aparecese unha pomba/ espírito divino e xurase que o ceo é un lugar encantador con salóns de té victorianos e cupcakes frosteados: así seguen todas esas recomendacións. As segundas persoas neste mundo son as que escriben (escribimos) este tipo de artigos, porque sabemos que á xente lles encanta lelos e descubrir con eles o misterio de como ser Steve Jobs no tempo de lecer (polo menos). Esas segundas persoas en realidade pasan moito tempo vendo medios estadounidense e tropezando con estudios, recomendacións (hai unha conspiración mundial para convencernos de que todo o mundo que ten éxito é madrugador) e similares.
Para que poidades escoller o que máis vos gusta e para que vos sintades unhas persoas máis eficaces cando os apliquedes, aquí van unha chea de cousas que prometen facerche máis produtivo. Todas, todas, co selo de garantía da prensa guiri.
1. A cor azul
A cor azul ten moitas historias relacionadas. Sabiades que ata ben entrados os anos 40 non era unha cor de neno (vivan os tópicos!) e que na Belle Époque os nenos vestían de rosa? Agora ademais é unha cor para incentivar a produtividade, como demostraron uns científicos da Universidade de California sometendo a unhas ratas a cambios de cor no entorno e analizando a resposta das súas neuronas.
En principio, a cor azul conseguía unha mellor resposta cerebral, o que podería facer, por exemplo, que unha terapia de azul nos fixese sufrir menos de jet lag ou que se os nosos xefes pintasen de azul as oficinas a resposta no traballo fose máis eficiente. Ademais non só promove a produtividade, a cor tamén xera un entorno de máis confianza e máis comunicativo. Agora ben, se queredes saber que azul é a cor secreta do éxito non vos podo dicir nada. No artigo só falan de azul, como se non houbera millóns de azuis diferentes.
2. A pintura en xeral
En realidade, a cuestión non é só ver en azul, senón máis ben de que cor ves o que che rodea. Segundo lembran en Entrepreneur, se as túas paredes están en gris escuro, beige ou branco (como se non souberamos xa que as paredes brancas son o mal…) estás a facelo todo mal. Estas cores xeran tristeza e sentimentos depresivos, especialmente entre as mulleres. Como pintar entón para ser máis produtivo?
Como nun test deses da Cosmo nos que acababas escollendo un número e eles che dicían algo sobre como es, as cores tamén teñen unha equivalencia traducible en efectos que teñen en nós. As cores suaves e moi presentes na “nai natureza” (do seu artigo o entrecomillado, non do meu), cores como verde “sosegado” ou azul “calmo” conseguen máis eficiencia e que esteamos máis centrados. O vermello é o mellor se se vive sempre no derradeiro momento (porque fai que traballemos para chegar aos prazos de entrega) e o amarelo suave é o mellor acompañamento para as profesións creativas.
3. A aromaterapia
Os aromas teñen un efecto en nós que vai máis alá de simplemente ulilos. As marcas úsanos para facer que merquemos cousas e nós mesmos empregamos este recurso para mellorar algunhas cuestións (por exemplo, o cheiro da lavanda para poder durmir mellor). Cada fragrancia está asociada a unha idea e a unha sensación. E agora resulta que a aromaterapia non só é zen senón que ademais ten un efecto en como traballas.
Segundo un estudo xaponés (vale, asinado por Takasago, o maior produtor de fragrancias do país), a xente que traballa en ordenador comete un 54% máis de erros tipográficos cando a oficina cheira a limón. Se queres ser eficiente e non errar nunca, terás que apostar polo xasmín (un 33% de errores menos) ou pola lavanda (20% menos). A lavanda, mesturada con romeiro, logra tamén reducir o estrés.
4. O mal tempo
Malas noticias para os que amades o verán, boas para os que aman o inverno e un novo argumento para quen desexe facer unha campaña a prol do mal tempo galego (o que temos cando non vivimos en días como estes): o mal tempo é estupendo para a produtividade. A pesar de que tradicionalmente os expertos asocian o mal tempo (e por mal tempo non falamos dun pouco de chuvia senón máis ben de tormentas espantosas e nevaradas que illan á xente) cunha caída na economía, o certo é que (estudos din, por suposto) que o mal tempo ten un impacto na produtividade. Os traballadores son moito máis produtivos na oficina cando fóra vai un tempo de merda.
A explicación científica é unha especie de cousa obvia. Cando vai bo tempo, estamos pensando todo o tempo nas cousas xeniais que estariamos a facer de non estar traballando (calquera cousa menos estar diante desde maldito ordenador, xa me entendedes) o que fai que esteamos infinitamente distraídos. No caso do mal tempo, non temos ese problema.
5. A morte
Igual que un paga os ‘mortos para estar blindado ante un enterro futuro, un pode usar a morte como o motivador último (derradeiro incluso) para ser unha persoa produtiva e para motivarse para facer todas esas cousas que non queres facer e que son traballo. Non é un ser pesimista a máis non poder. Non: segundo este artigo é máis ben ser unha persoa que sabe a onde leva todo isto. (E si, meus reis, é a fin inevitable). Como apuntan nun artigo de FastCompany (esa biblia de todo este tipo de cousas) é como ser consciente do que nos espera e atopar así unha motivación incuestionable.
A idea non é deles. En realidade roubáronlla a Brooke Siem, unha executiva de startups que ten marcado no seu Google Calendar a data da morte. A idea veulle nunha cita, cando o seu partenaire (non foi a nada, por se sentiades interese) lle dixo que fixera os cálculos e que atopara cando pensaba que ía morrer. “Foi un deses momentos aha“, di ela. Tamén fixo a conta, marcou o día no calendario e viviu un cambio vital. Ao día seguinte era capaz de relativizar, pero sobre todo de centrar a súa atención no que estaba facendo cada momento, xa fora xogar co can como traballar.