Agora que o noso primeiro pensamento cada vez que queremos facer calquera cousa é preguntarnos se podemos facelo por Internet, agora que pedir comida a domicilio desde a rede é unha actividade tan normal como saír a cear a un restaurante, é normal que pouco a pouco as lagoas que quedaban empecen a encherse. Unha delas é a dos picnics, unha das nosas actividades preferidas, pero que sempre requeriron que nós preparasemos o kit para saír comer ao campo. E se puidésemos pedir tamén isto, cesta e mantel incluídos, por Internet? Podemos!
Desde hai apenas unhas semanas Lovely Picnic, un proxecto nacido en Ourense da man de David Sequeiros e Xoel Yáñez, quere encher ese baleiro e dárnolo todo feito. Como explica Xoel, “en Lovely Picnic ofrecemos picnics gourmet preparados para desfrutar e regalar”. As cestas, ademais, son temáticas para ocasións especiais (brunchs de domingo, picnic romántico, picnic de despedida…), e pretenden ir incorporando outras moitas ideas “pouquiño a pouco”.
As cestas están preparadas con mimo e, ademais dos produtos gourmet incluídos, incorporan detalles relacionados coa temática particular. “Por exemplo, o picnic In love, pensado para parellas, leva unha candea e aceite de masaxe; e o picnic Au revoir, ideado para a despedida de alguén especial, conta cun divertido mapamundi de rascar, para que o viaxeiro rexistre os lugares que vai percorrendo”.
Ademais da parte da tenda online, en Lovely Picnic queren converterse en referencia inspiradora de ideas para picnics perfectos, polo que teñen tamén un blog no que van compartindo información sobre lugares non tan coñecidos aos que ir coa nosa cestiña. As súas primeiras entradas, de feito, tiveron tanto éxito que a tenda tivo que pechar uns días para evitar que as caídas da web provocasen incidentes nas compras. “Nestas primeiras semanas na rede xa superamos os 200 milleiros de visitas. E o certo é que nos colleu por sorpresa”, conta Xoel. “Non estábamos preparados para semellante aluvión de visitas e durante os primeiros días o fluxo de usuarios ocasionaba a caída do servidor e a lentitude na navegación”. Estes problemas foron xa resoltos.
E, como expertos, como é para eles un picnic perfecto? Xoel di que o importante é compartilo “coa xente máis especial” e que este é “o prato forte”. Iso si, moito mellor se se adereza “cos produtos máis exquisitos e sabrosos e cunha paraxe natural única”. Sobre este último punto, explican que Galicia ten moitísimos lugares que parecen ter sido deseñado para ir de picnic. Poñen como exemplo (aínda que “é difícil escoller”) “a beira do río Arnoia ao seu paso por Allariz, ou a do Sil nalgún dos recantos que debuxa na Ribeira Sacra; algún areal, como non, das Illas Cíes ou da Illa de Arousa; ou lugares máxicos coma o Monte Pindo, os montes de Piornedo nos Ancares ou os da serra do Courel”. Hai moito onde escoller! Iso si, lembrando sempre “recoller todo o lixo e deixar o entorno tal e como o atopamos antes de facer uso del”.
Imos de picnic?