Papelería Comercial: 70 anos de nada tralo mostrador

pap_comercial

*Unha colaboración de María Mediero

A partir de agora, levaranos 3 minutos menos percorrer a rúa do Príncipe. Ou se cadra aínda menos. Todo depende do tempo que lle dedicase cada un a ver o escaparate da emblemática Papelería Comercial. Un deses recunchos de Vigo que nos sacaba da rutina monótona da rúa das compras por excelencia e nos facía abaixar o ritmo e esbozar un sorriso. Selos, postais, xoguetes, reloxos, artigos para zurdos, cores, cores e máis cores. E material de papelería, claro está. Unha tenda que se soubo adaptar aos novos tempos e sobrevivir na voráxine de franquicias.

Pero as cousas non sempre saen como se pensan e a súa dona, que sempre dixo non ter intención ningunha de xubilarse, pechou este mes as portas tras 100 anos de historia. O edificio no que está o baixo foi declarado en ruínas e de aquí a pouco quedará baleiro.

O boca a boca fixo que, ao longo da semana, fosen moitos os vigueses, máis ben fósemos, que nos achegamos a comprar un libro, unha marioneta ou unha témpera. Toda escusa foi boa para despedirse dun daqueles lugares de toda a vida que nos acompañaron mentres medramos.

Las tres BBB, o Eligio, a xubilación dos donos de La Parra ou da Taberna A mina; estannos deixando moitos grandes comercios dos de toda a vida, deses con identidade propia que presta visitar de cando en vez, aínda que só sexa para botar un ollo. Parece que a tendencia é unha moda. Non nos gusta. O moderno está ben, pero a fusión tamén. O vello pode convivir co novo. E se as cidades se parecen cada máis unhas ás outras, xa de nada vale viaxar. E viaxar si nos gusta.

Dicía o seu fillo no derradeiro día que probablemente ao día seguinte, por inercia, Xoaquina acabaría por achegarse á tenda, sen abrir, aínda que só sexa por estar alí. A nós tamén nos vai custar pasar o Nadal sen vermos o seu Belén montado.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *