End-of-life planners: Unha wedding planner para a morte

cemeterio

Todos sabemos que en Galicia estamos un pouco obsesionados coa morte. A xente merca o nicho no cemiterio como quen merca unha segunda vivenda e todos vimos nalgún momento ao da Santa Lucía (ese era o que andaba polo meu edificio, xunto co da Preventiva, aínda que creo que esa marca xa non existe) cobrando ‘os mortos’. E en fin… quen non tivo unha avoa que lle fixo gardar silencio de forma inquebrantable mentres escoitaba na radio ‘os mortos’? (creo que nunca esquecerei o de favores polos que anticipan gracias). Todo isto é unha demostración tanxible de que en Galicia a morte importa (moito) e a industria da morte ten un peso que se podería dicir interesante.

Pois ben: entre as profesións que marcarán o futuro está unha moi relacionada coa morte, que debería atopar un terreo aboado nun lugar no que morrer tan tanta importancia. Para o futuro haberá end-of-life planners, ou o que é o mesmo wedding planners pero para a voda final. E si, eu tamén estou desexando ver os cursos online que venderá Groupon para se converter a esta profesión soñada.

De onde vén esta profesión e quen cre que será un dos novos traballos do futuro? A idea é dos futuristas de TomorrowToday Global. Os futuristas (outra profesión nova) son persoas que se dedican de xeito profesional a imaxinar cara onde irán as cousas (non vai só de sentarse no sofá e pensar no marabilloso que sería que todos tivésemos coches voadores para non sufrir atascos, baséanse  en datos, estatísticas e múltiples análises sobre o que xa está sucedendo). Os futuristas de TomorrowToday Global fixeron unha proxección dos dez traballos que serán demandados en 2025 (dez anos vista) pero que aínda non existen agora para FastCompany e a wedding planner para a morte é un deles. Outros son os granxeiros urbanos, os manitas para o fogar intelixente ou os coachs de marca persoal.

En que se basean para establecer a existencia futura de semellante profesión? Basicamente, nas cifras. No 2025, o 63% da poboación terá unha esperanza de vida por riba dos 65 anos e moitos deles poderán aspirar a ser centenarios. Digamos que haberá un amplo mercado (e un con tempo para pensar como quere chegar ao momento final).

Este boom dos xubilados fará que aparezan novas profesións e que creza a demanda de profesionais de coidado desas persoas, ademais dos end-of-life planners dos que estamos a falar. “Os funerais serán máis elaborados que as vodas”, dille a FastCompany un dos futuristas da compañía. O wedding planner da morte deseñará estes funerais, pero tamén se encargará de outras cosas como ser guías nunha morte digna ou preparar os memoriais no recordo desas persoas que marchan.

Foto Eric Huybrechts

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *