10 propósitos viaxeiros para 2014

viaxe2

Como vas cos propósitos de Ano Novo? Estás a cumprilos? Aquí chegamos nós para propoñer un novo grupo de cousas que podes intentar este ano (nós intentaremos cumprilos todos), pero centrándonos nunha das cousas que máis nos gusta facer: viaxar. Se tes a sensación de que ao final viaxas sempre un pouco igual, sempre co mesmo estilo, e incluso sempre aos mesmos lugares, 2014 é o ano para cambialo. É o momento de volver a sentir a excitación que provocan as viaxes, ese momento no que pisas un terreo descoñecido cheo de cousas que descubrir, potenciais amigos novos e moitas experiencias de esas que abren a mente. É o momento de volver a viaxar de verdade. Estes son os nosos 10 propósitos viaxeiros para 2014:

1. Ir a algún lugar novo. Parece obvio, sabémolo, pero tamén é certo que moitas veces tendemos a visitar lugares que xa coñecemos. Non dicimos que estea mal, eu nunca me cansarei de ir a Viena (e a ver quen se atreve a dicirme se volvo que igual podía aproveitar e ir a algún lugar distinto), hai lugares que nos gustan tanto, ou nos que temos tanta xente coñecida (ou unha soa, pero moi importante) que debemos visitar unha e outra vez. Pero non esquezamos o resto do mundo: que cada ano viaxemos a polo menos un lugar novo. Quizais, quen sabe, se acabe convertendo nun novo lugar deses aos que sempre volvemos.

2. Viaxar só. Se xa o fixeches nalgunha ocasión, posiblemente non haxa que convencerte de que o fagas de novo. Se nunca fixeches ningunha viaxe ti só, faino este ano. A experiencia é tan distinta (nin mellor, nin peor, simplemente distinta) que sempre paga a pena: coñecerás a máis xente (xa verás) que se foses con outras persoas, dunha forma algo máis profunda e, sobre todo, estarás moito tempo contigo mesmo. Algo que neste mundo de velocidade e conexión continua no que vivimos é cada vez máis difícil. Sabes esa xente que volve dunha viaxe dicindo que lle cambiou a vida? Normalmente son viaxeiros en solitario.

3. Falar coa xente local (e seguir os seus consellos). Todo o que di a guía turística está moi ben (vivan as guías turísticas!) pero a mellor forma de coñecer un lugar e sen dúbida coñecer á súa xente. Plataformas como Couchsurfing ou EatWith son moi prácticas para isto, pero non imprescindible: é tan fácil como falar coa xente do hotel, co camareiro da cafetería, co señor do museo. Deixa timideces atrás e inicia unha conversa.

4. Deixar de dicir que somos viaxeiros e non turistas. Hai que acabar con isto dunha vez, en serio. Somos viaxeiros, vale, porque queremos coñecer os lugares que visitamos “de verdade” e fuxir das masas turísticas. Pero somos tamén turistas e o mellor é aceptalo. Non pasa nada, está ben, sempre que non sexamos turistas dos malos, dos que só critican, din que a xente local é antipática (igual teñen un mal día ou, como es deses turistas coñazo, cáeslles mal) e queren volver canto antes. Eses turistas non nos gustan. Pero visitar os lugares turísticos non está mal e non es máis guay por ir a Roma e pasar de ver o Coliseum (igual es só un pouco idiota, aínda que ninguén se atreva a dicircho).

5. Descubrir algo novo dentro de Galicia. Se estás pensando que todo isto está moi ben, pero que non tes tempo ou cartos para viaxar, deixa de pensar en que viaxar supón sempre saír do país. Seguro que hai aínda moitos lugares de Galicia que non coñeces e está un pouco mal ter percorrido tanto mundo pero non coñecer o teu propio lugar de orixe. Fai algo de turismo local, seguro que te sorprendes.

6. Aprender a facer equipaxes lixeiras. De verdade necesitas todo iso que metes na maleta? Es consciente de que a roupa se pode lavar tamén cando estás de viaxe? De que tamén hai tendas nas que mercar cousas? De que viaxar con menos peso é infinitamente máis cómodo? Seguro que coñeces a alguén que domina a arte da maleta, que nunca factura e que vai sempre perfecto. Fala con esa persoa e pídelle consello. Que comparta o segredo da maleta perfecta contigo.

7. Desconectar (de verdade). Somos todos un pouco culpables de vivir a través dos nosos smartphones e redes sociais. E pensas que se compartes fotos de cada vez que tomas unha caña na túa cidade, agora que estás a facer algo de verdade interesante si que deberías compartilo. Erro. Espera polo menos a volver da viaxe. Durante os días que esteas fóra, esquece que existe Internet e que tes un teléfono intelixente. Viaxa tamén no tempo e imaxina que estás nos 90. Ao principio será difícil, pero tras o primeiro ou segundo día esquecerás por completo a existencia de Facebook, Instagram e Twitter e estarás a desfrutar e a experimentar de verdade a túa viaxe.

8. Deixar marxe á improvisación (e non agobiarse). Hai dous tipos de viaxeiros: os que teñen que telo todo planificado e axustarse ao plan e os que non planifican. Non é que teñas que pasar do grupo 1 ao grupo 2 de golpe, pero si ter en conta que as normas están para rompelas e, maldita sexa, ti estás de viaxe, de vacacións, nun momento de moita liberdade. Non teñas medo a cambiar o itinerario sobre a marcha, non te enfades se hai imprevistos (quizais o que hai detrás é mellor!), lembra respirar e que todo será unha anécdota graciosa cando volvas.

9.Manter un diario de viaxe (e intentar actualizalo). Ai, esas boas intencións de ter un diario de viaxe de verdade, de anotar o que fixeches cada día, as túas impresións, a xente á que coñeciches, que sempre desaparecen, deixando diarios a medias. É difícil, sabémolo, pero hai tantos detalles fáciles de esquecer, tantas cousas das que non nos lembraremos nuns anos. Reler esas anotacións será como volver á viaxe e ao que sentimos.

10. Enviar postais. Non sexas egoísta. Pensa na ilusión que sentes cada vez que abres a caixa de correo e atopas esa pequena postal, un anaquiño de cartón chegado doutra parte do mundo, enviado por alguén que se tomou o tempo durante as súas vacacións de pensar en ti, escribila e mandala. Fai o mesmo ti cando viaxes! Pide direccións antes de saír, busca as postais máis bonitas, tómate un tempo para escribilas e envíaas. As caixas de correo merecen recibir algo que non sexan facturas. E ti dis que es hipster e poucas cousas hai máis vintage cas postais.

 Foto | katerha

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *