A xenial campaña que encheu o metro de Londres de fotos de gatos

Hai unha máxima que toda persoa que coñeza como funciona a rede ten máis ou menos clara. O animal favorito de internet é o gato. Os gatos son os reis do viral, os xenios que protagonizan todo o que mola online e os que nunca fracasan cando se trata de compartir algo. Agora os gatos son tamén os reis do offline, os protagonistas dunha curiosa campaña (unha sorte de marketing con boas intencións) que está enchendo o metro de Londres (ben, unha parada do metro de Londres) con fotos de gatiños encantadores. Non queren vender nada, senón máis ben invitar á reflexión.

A estación de Clapham Common, unha das da rede do metro de Londres, non terá, durante as próximas dúas semanas, anuncios. Un montón dos espazos publicitarios da estación foron mercados para poñer fotos de gatos. Detrás da iniciativa está Glimpse, un grupo que quere usar a creatividade para o ben, como lle explicaba un dos seus responsables ao xornal The Independent. A súa acción tampouco é exactamente unha especie de manifesto antianuncios. Non están en contra da publicidade como tal, ou iso explican, pero si queren que se use a creatividade máis e mellor. É dicir, reivindican o ser creativo e o poder que esa creatividade ten, invitando á xente a pensar. Como eles mesmos din, a iniciativa pode parecer unha parvada, pero se cadra serve para que a xente reflexione sobre a escasa importancia de mercar cousas e sobre como o importante da vida non é realmente o que mercas.

The Citizens Advertising Takeover Service replaced 68 adverts in Clapham Common tube station with pictures of cats. Organisers say they hope the pictures will help people think differently about the world around them. Credit: CatsnotAds.org

Mercar todos os espazos publicitarios dunha estación de metro non é barato, así que antes de lanzar a campaña fixeron unha campaña de crowdfunding na que calquera podía poñer parte dos cartos precisos para facer da idea unha realidade. Montaron así a que bautizaron como o Citizens Advertising Takeover Service (CATS).

Por que usar gatos para as imaxes? Segundo os propios responsables, os gatos son bos para a saúde e para a felicidade e funcionan con xente de todas as idades. E como son animais moi independentes encaixan (iso prometen) con todos os estilos de vida. Os gatos das fotos son animais de dúas protectoras que están buscando unha casa ou que acaban de atopar unha. Tamén hai fotos de gatos de quen financiaron a campaña (os menos).

Imaxes CATS (CatsnotAds.org)

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *