Comeza a segunda tempada dos concertos de Retroalimentación

DISCO LAS PALMERAS lagartoon

A segunda tempada do ciclo dos Concertos de Retroalimentación está a piques de comezar. Será este mesmo venres, no que dous dos grupos galegos máis puxantes da actualidade cortarán a cinta desta nova colección de concertos. Falamos, concretamente, de Disco Las Palmeras! e Carrero Bianco.

Disco Las Palmeras! segue a obter incontables éxitos e alegrías con ‘Ultra’, o traballo que serve de continuación do aclamadísimo ‘Nihil Obstat’ co que a banda se deu a coñecer. Pola súa parte, Carrero Bianco veñen de estrear hai nada o seu terceiro longo, que leva por nome ‘Horror! Horror!’, e que presentarán da man de Disco Las Palmeras! este venres, día 18 de outubro, na sala Mardi Gras de A Coruña, ao prezo de 6-8 euros por entrada.

O ciclo dos Concertos de Retroalimentación, organizado dende o recuncho no que Javier Becerra fala de música, cumpre o seu segundo ano. Nel, téntase dar cabida a artistas galegos de maior ou menor calado mediático, aproveitando a extraordinaria saúde musical que Galicia atravesa na actualidade. Nesta edición, os concertos volverán a celebrarse en A Coruña, pero na sala Mardi Gras, e non na Le Club, onde se celebraran o pasado ano. Daquela, nomes como Lendrone, Triángulo de Amor Bizarro, Nadadora ou Unicornibot encheron un cartel de gran calidade.

A idea deste ano é non repetir artistas que xa estiveran no cartel anterior, se ben o recente lanzamento de ‘Victoria Mística’ obrigou a Becerra a caer na tentación de volver convidar a TAB.

As datas confirmadas ata o de hoxe, ademais da xa comentada de Disco Las Palmeras! e Carrero Bianco este venres, son:

One of These Days & Thee Heavy Random Tone Colour Lab (8 de novembro)
Moondogs Blues Party + Grave Dolls (28 de decembro)

** O concerto de Srssrsra + Triángulo de Amor Bizarro, previsto nun principio para o 27 de decembro, celebrarase en nova data por definir, xa en 2014.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *