O 15 de setembro será a Disquefesta!

O pasado mes de maio fixemos o noso primeiro ano, unha cifra redonda que queriamos festexar por todo o alto. Non se celebra o primeiro aniversario todos os días! Pero o tempo pasou, e decidimos que celebrar un anivesario era demasiado mainstream. O que mola é celebrar o ano e catro meses! Xa vos adiantamos en redes sociais cando e onde será, pero ímolo repetir e engadir máis detalles. Así será a nosa Disquefesta!

Anotade a data: o próximo 15 de setembro verémonos en Pontevedra no Liceo Mutante. A xornada festiva empezará pola tarde (estade ben atentos porque iremos adiantando os horarios definitivos das actividades durante os primeiros días de setembro) para que aqueles aos que lle gustan as cousas ben cedo poidan comezar a pasalo ben, e rematará moi tarde – como toda boa celebración! – cando esteamos tan cansos que xa non poidamos ternos en pé. Como encheremos esas horas e como conseguiremos que supliquedes por unhas zapatillas, como esas rapaciñas que saen no Telexornal no día de Aninovo mercando un par na feira de Betanzos?

Na Disquefesta imos facer algunhas desas cousas que tanto nos gustan e das que estivemos a falar durante este ano. Por exemplo, queremos atopar ao artista que levades dentro sen que teñades que versionar ningún cadro en ningunha igrexa coa nosa convocatoria de arte postal. Mandade xa as vosas obras! (con apuntarse no evento do Facebook non é suficiente!!) Todas as que recibamos serán expostas no Liceo Mutante.

E, claro está, non podían faltar o photocall co que conta todo evento que se prece. Despois do Culturgal e a nosa xente de portada, estamos sufrindo estrés para pensar en como organizalo desta volta para que sexa máis cool e máis divertido. Só dicimos que non vos sorprendades se vos pedimos que vos disfracedes… Claro que da casa hai que vir xa arreglados, porque estaremos durante toda a xornada na procura do mellor hipster. Desta volta, non vos censuredes e non temades que vos sinalen como demasiado modernos. As mellores galas terán moi bos premios!

Non só os hispters máis hipsters que se acheguen o día 15 a Pontevedra terán agasallo: vai haber máis retos nos que competir por algúns dos produtos dos que estivemos a falar este primeiro ano de vida (cortesía de Kalandraka, Le marché de Raquel, Oitenta, O gato cósmico, Rinoceronte e Punto G, grazas a todos eles!). Por exemplo, imos ter uns Xogos Olímpicos modernos (aínda estamos acabando de definir as normas dos xogos, así que non vai ser sinxelo!) e un reto de escritura que fará que as galletas da sorte dos restaurantes chineses das películas dos EUA se queden en nada. Os valentes terán que escoller ao chou unha carta que lles dará personaxe, comezo da historia, final ou obxecto clave e con eles terán que facer un microrrelato, un tuit-relato, un conto ou a gran novela galega contemporánea. E non haberá só cousas para modernos, senón tamén para os seus fillos con algún obradoiro moi creativo.

Por suposto, teremos música. Haberá dous grupos en concerto, Os Amigos dos Músicos e Santos Morcegos. E despois entrarán os nosos DJ invitados –un deles é colaborador cunha sección semanal e ao outro podedes atopalo nunha das imaxes deste post-, para seguir bailando ata que remate a festa. Pero na Disquefesta non só se poderá escoitar música, tamén se poderá facela: ukelelistas do mundo, agardamos por vós! Pronto daremos máis detalles (como o que debedes practicar co voso ukelele!) da ukequedada que estamos a organizar. 

Está xa a lista completa? Nin por asomo! Tamén haberá unha edición especial do noso merchandising e unha ‘intervención’ que será moi sorprendente e especial. Xa vos iremos dando pistas… A primeira é la.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *